O mellor partido da temporada achega o Compostela á Segunda RFEF (3-0)
O equipo santiagués afrontará a volta en Badalona con tres goles de vantaxe, os goles marcados por Guisande, Carlos López e Marco en propia porta
Paso de xigante da Sociedade Deportiva Compostela na súa loita por volver á Segunda Federación. Defenderá tres goles de renda en Badalona para lograr o ascenso. En San Lázaro, o equipo santiagués foi moi superior. Axudoulle marcar cedo. No minuto 5, un centro de Jorge Valín foi introducido por Marco Martínez na súa propia portería. O gol pesoulle aos visitantes e aumentou a confianza dun Compostela que acumulou ocasións de sobra para aumentar a vantaxe durante o primeiro tempo. Armental disparou ao ferro tras un saque de banda de Riki Mangana. O dominio local era constante e o Badalona tiña dificultades para superar a presión. Un erro do seu porteiro, o debutante Víctor López, estivo a piques de significar o dous a cero. Pero Carlos López non concretou.
O lecer non cambiou as cousas e nada máis volver dos vestíarios chagaría o merecido segundo gol. Mangana foi un pesadelo para o rival cos seus saques de banda. E Antón Guisande, tras un bó toque de Carlos López, rematou a pracer. Co paso dos minutos o Compostela agardou ben posicionado o dominio infructuoso dos cataláns. E chegou o momento de ampliar o marcador cunha contra conducida por Unai e culminada maxistralmente por un Carlos López que merecía o gol. Era o minuto 76. E o tanto facía xustiza ao visto ao longo do encontro. O Badalona buscou recurtar na recta final, pero o conxunto galego defendeuse ben e mantivo o tres a cero. Unha vantaxe non definitiva pero máis que interesante para afrontar a volta o vindeiro domingo en Cataluña.