O Compostela sofre ata o último minuto para meterse na final polo ascenso á 2ª RFEF
Gañoulle por 2-1 ao Atlético Arteixo (3-3 no global) e pasou grazas á súa mellor clasificación ao final da liga regular
O seu rival na eliminatoria definitiva será o Badalona catalán
O Compostela xogará a última eliminatoria do ascenso á 2ª RFEF despois de derrotar o Atlético Arteixo grazas á súa mellor clasificación na liga regular. A volta rematou co 2-1 para os santiagueses que igualaron a eliminatoria (3-3).
Parecía encamiñar un triunfo cómodo co gol de Armental no minuto 17. Pero o Arteixo aguantou e conseguiu poñerse en vantaxe novamente cunha cabezada de Pablo Agulló no minuto 63. Estaba contra as cordas o Compostela ata que no 74 Carlos López tocou un remate de Samu para poñer o que sería resultado definitivo.
O 2-1 forzaba a prórroga pero se non había máis goles o Compostela lograba o pase. A incerteza durou ata o último minuto do tempo suplementario. Cañi fallou varias ocasións moi claras para o cadro local e o Arteixo mantívose con vida pero non atopou o xeito de marcar o gol que os clasificase.
Na final o Compostela xogará diante do Badalona catalán que tamén superou a eliminatoria pola súa mellor clasificación e logo dunha espectacular remonta diante do Cornellá co que perdera 4-1 na ida e ao que lle gañou na volta por 3-0.