Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Atlético Arteixo remonta contra o Compostela, e toma vantaxe na final galega polo ascenso á 2ª RFEF

O Atlético Arteixo remonta contra o Compostela, e toma vantaxe na final galega polo ascenso á 2ª RFEF

Parapar adiantou aos santiagueses xa na segunda metade

Un erro de Valín deulle o empate a Jota cun erro

Otero culminou a remonta para deixar ao Arteixo con vantaxe na elimminatoria

G24.gal 31/05/2026 13:54

O Atlético Arteixo toma vantaxe na final da que sairá o representante galego na última eliminatoria polo ascenso á Segunda Federación. E foi cunha remonta diante do Compostela na Ponte dos Brozos, que defenderá na volta no Vero Boquete.

Logo dos habituais intres de tanteo, o primeiro remate con perigo correu a cargo de Jota para o equipo local. O seu lanzamento raso rexeitouno Álex Cobo. O Compostela apostaba por algunha internada de Parapar pola dereita, ben suxeito pola defensa local. E, logo dunha caída na área de Iván na que o árbitro tivo claro que non había contacto, Valín probou fortuna desde o bordo da área, saíndo o balón desviado. A seguir, Cañi tamén lanzou desde a frontal, con parada de Carlos.

Mediada a primeira metade, outra recuperación do Arteixo en zona ofensiva dáballe a ocasión máis clara, nun man a man de Pablo Martínez que salvou de xeito milagreiro Álex Cobo. E tamén salvou in extremis, Berrocal un envío desde a esquerda dos santiagueses para adiantarse a Cañi, que agardaba no segundo pau.

A segunda metade comezou con outra ocasión clarísima para o Arteixo, cun balón para Rubén Martínez, que o baixou no punto de penalti e rematou, topando co corpo de Quico nunha acción defensiva espectacular. Pero ía ser o Compostela o que tomase a dianteira. Foi nun roubo, cunha rápida conducción de Samu, que asistiu a Parapar para deixalo no man a man. O dianteiro non perdoou e estableceu por abaixo o primeiro da eliminatoria.

Co gol, o Compostela parecía ter controlado o partido, pero un novo erro defensivo deulle vida aos de Arteixo. Valín fixo unha cesión atrás sen decatarse de que Jota quedaba descolgado, e o dianteiro non desaproveitou esta nova oportunidade para establecer o empate no minuto 67. O tanto espoleou aos locais, que se fixeron co control do balón co Compostela repregado. E, no minuto 84, chegou o segundo dos locais. Foi un auténtico golazo de Adri Otero, que xa marcara dous no Vero Boquete na Liga, para culminar a remonta do Atlético Arteixo, que toma vantaxe nesta final da fase galega polo ascenso á Segunda Federación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos