Publicador de contidos

Publicador de contidos

A suba do caudal do Miño sitúa Lugo en alerta laranxa

A suba do caudal do Miño sitúa Lugo en alerta laranxa

A conxunción das borrascas Joseph e Kristin deixou varias incidencias en localidades da Terra Chá

Instalacións exteriores do Club Fluvial de Lugo o mércores pola mañá
G24.gal 28/01/2026 13:43

A sucesión de borrascas cargadas de auga orixina problemas en moitas zonas de Galicia, entre elas A Terra Chá, onde a acumulación de auga causou varias incidencias, entre as que está o asolagamento de tres casas en Begonte. A suba do nivel do Miño o seu paso pola capital entrou nas instalacións do Club Fluvial de Lugo.

Joseph xa marchou, deixando moita auga detrás, pero xa está aquí Kristin para encher aínda máis o balde. A Terra Chá é unha das  zonas da provincia de Lugo onde  máis afecta o exceso de chuvia. O río Ladra en Begonte rebordou asolagando varias casas. Tamén en Baamonde. Non é a primeira vez. A algúns a auga quedoulle ás portas. "Sabemos que dúas veces ao ano o nivel sobe. Desta vez tivemos sorte e non houbo moita desfeita".

O desbordamento de ríos tamén afecta a circulación. Varias estradas da extensa rede de estradas que comunica os núcleos da Terra Chá permanecen cortadas. "Por aquí os coches teñen que dar unha volta importante. Haberá que madrugar máis para chegar a tempo ao traballo. Aquí facía anos que non se vía tan cheo o río".

O Miño vai moi crecido ao seu paso por Lugo, pero sen superar o limiar vermello. Pero a proximidade á conca das instalacións do Club Fluvial orixinou asolagamentos, inundándose a piscina exterior e as pistas de tenis. 

Ramón Bustos, directivo do Club Fluvial, conta que xa están afeitos a este tipo de incidencias, aínda que puntualiza que nesta ocasión o asolagamento é menor ca o acontecido no 2023.

"O problema pode vir se continúan chegando borrascas e non para de chover".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade