Alemaña quere retomar o uso da máscara en interiores polo aumento da covid-19
O número de mortes e a ocupación das unidades de coidados intensivos están a subir no país

O ministro alemán de Sanidade instou este venres aos estados federados a impoñer de novo o uso de máscara en espazos interiores ante o aumento do número de casos de covid nas últimas semanas.
"Non imos encamiñados nunha boa dirección", dixo o ministro Karl Lauterbach.
Argumentou que é mellor que os Länder, que contan nestes momentos coa esta competencia, impoñan agora medidas menos restritivas, en lugar de ter que reaccionar de forma máis drástica máis adiante.
"Non temos motivos para supoñer que a onda que temos ante nós se vai limitar por si mesma", aseverou o ministro.
O número de mortos por covid está a subir de novo en Alemaña, como o está facendo tamén a ocupación das unidades de coidados intensivos.
Lauterbach indicou ademais que as estatísticas oficiais non reflicten as dimensións reais do fenómeno infeccioso, xa que moitos cidadáns non confirman o seu positivo caseiro cunha proba PCR, polo que a cifra total de contaxios podería ser varias veces superior.
"Isto significa que posiblemente agora mesmo non temos 100.000 novos casos, senón, se os contásemos todos, ata 400.000 casos", afirmou.
Segundo datos do Instituto Robert Koch de viroloxía, a incidencia acumulada a sete días sitúase este venres en 760,1 novos casos por cada 100.000 habitantes, mentres que nas últimas 24 horas se detectaron 114.198 novos contaxios e contabilizáronse 165 mortes.