Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alberto Núñez Feijóo: "Quédanme unhas horas como presidente da Xunta"

Alberto Núñez Feijóo: "Quédanme unhas horas como presidente da Xunta"

Antes da xuntanza do Consello da Xunta o presidente galego fotografouse xunto co seu equipo de conselleiros nos xardíns de San Caetano

Foto de familia de Núñez Feijóo cos seus conselleiros
G24.gal 28/04/2022 10:33 Última actualización 14:30

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que lle quedan "unhas horas como presidente" de Galicia. 

Asegurouno tras reunir o Consello de Goberno e un día despois de despedirse do Parlamento e confirmar que dimitirá do seu cargo esta mesma semana.

Na conferencia de prensa posterior á xuntanza, Feijóo dixo que primeiro llo trasladaría ao Parlamento, como é preciso, e que despois faría a comunicación pública da súa dimisión.

Cando esa dimisión se produza, o Goberno galego entrará en funcións. Feijóo aclarou que a partir dese momento non poderán tomar decisións de calado económico e que o consello da Xunta da próxima semana terá un carácter deliberativo.

Tamén explicou que el seguirá en funcións durante os próximos días e que nese próximo Consello seguirá exercendo como voceiro e ao finalizar comparecerá ante os medios logo da que será, definitivamente, a súa derradeira xuntanza como presidente da Xunta.

Antes de comezar a xuntanza deste xoves, os integrantes do Goberno galego tomaron unha fotografía nos xardíns da sede institucional da Xunta, en San Caetano

Á dereita do presidente galego estaba nesa imaxe o vicepresidente, Alfonso Rueda, quen sucederá a Alberto Núñez Feijóo tanto á fronte da Xunta como do Partido Popular de Galicia. Precisamente, antes da xuntanza deste xoves Rueda acudiu á sede do PPdeG para presentar os avais para a súa candidatura a liderar os populares galegos.

Alfonso Rueda, á dereita de Núñez Feijóo (EFE/Lavandeira jr) Alfonso Rueda, á dereita de Núñez Feijóo (EFE/Lavandeira jr)

Desa foto só estaba ausente o vicepresidente económico e responsable de Industria, Francisco Conde, quen este xoves acode ao Senado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade