Feijóo despídese do Parlamento e confirma que esta semana dimitirá como presidente da Xunta
Ao concluír a sesión de control no Parlamento autonómico, Núñez Feijóo pediu uns instantes para despedirse e agradeceu o trato de todos os deputados
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo confirmou, sen precisar o día, que dimitirá esta semana como máximo mandatario autonómico, e así activará o proceso da súa substitución no ámbito institucional, que finalizará coa investidura e toma de posesión do seu sucesor, o actual vicepresidente primeiro Alfonso Rueda, quen completará o proceso ao designar os membros do seu Gabinete.
Foi ao termo dunha sesión de control que se converteu nun balance da súa xestión. "Con sinceridade pido desculpas polos erros que cometín, máis dos que me gustaría. E con humildade vou defender os acertos".
"Esta non será a miña última sesión de control, será a derradeira, a definitiva", trasladou no Parlamento, na súa quenda de réplica a Ana Pontón, quen lle desexou sorte "no persoal", que non no político.
Ao concluír a sesión de control no Parlamento autonómico, Núñez Feijóo pediu uns instantes para despedirse. Nese momento agradeceu o trato de todos os deputados, mostrou o seu "compromiso" cos galegos e pediulles a todos os parlamentarios, especialmente aos que teñen responsabilidades de goberno, que o seu único interese sexa defender o interese de Galicia.
"Nestas bancadas fun moi feliz para defender os intereses dos galegos", sinalou Núñez Feijóo, que pediu "sinceras" desculpas polos erros que puidese cometer, "máis dos que me gustaría", dixo; e tamén polas "expresións" que non gustasen ou parecesen excesivas aos membros da oposición.
Na súa despedida, Núñez Feijóo insistiu no seu agradecemento a toda a cámara e lembrou os "dezasete voceiros" dos diferentes partidos cos que debate no Parlamento autonómico desde 2006 como xefe da oposición e desde 2009 como presidente galego.
Ao remate da sesión, tanto Ana Pontón como Luis Álvarez, voceiros do BNG e do grupo socialista no Parlamento respectivamente, achegáronse ao asento de Núñez Feijóo para despedirse.


Minuto a minuto
Comeza a sesión de control ao presidente da Xunta
Luís Álvarez, voceiro socialista, dille a Feijóo que esta vai ser a última pregunta que lle formula como presidente da Xunta
Álvarez a Feijóo: "Galicia ten 6.400 millóns de euros de débeda pública que no 2009".
O portavoz socialista pídelle a Feijóo que lle aclare que medidas vai adoptar o seu Goberno no ámbito autonómico fronte á situación actual no ámbito fiscal
Feijóo respóndelle a Luís Álvarez
Feijóo: "Calquera membro deste Goberno ten máis experiencia que todo o grupo parlamentario socialista xunto".
Feijóo manifesta que en Galicia hai 57.000 empregos máis que cando chegou á Xunta
Feijóo: "800 millóns de euros máis de investimento sanitario e hai un 17 % máis de persoal que cando chegamos á Xunta".
Feijóo dille a Álvarez que "baixamos os impostos e vostedes os subiron"
Luís Álvarez respóndelle a Feijóo
Álvarez: "Un de cada catro galegos está en risco de pobreza".
Álvarez: "Sería bo que anunciase que mañá apoian a validación dunhas medidas que favorecen a todos os españois porque supoñen unha redución no custo da electricidade e dos combustibles".
O voceiro socialista dille ao presidente da Xunta que os datos que lle presentou sobre educación, sanidade e política social son reais
Remata a intervención de Luís Álverez e Alberto Núñez Feijóo respóndelle
Feijóo: "Somos a primeira comunidade con menor incremento de débeda nos últimos 12 anos".
Feijóo dille a Álvarez que "sempre que baixamos os impostos tivemos o voto negativo do grupo socialista"
O presidente da Xunta manifesta que hoxe cada galego paga 403 euros menos do que pagaban co PSdeG-PSOE
Feijóo remata a súa intervención
Comeza a intervención de Ana Pontón
Pontón: "Os prezos están descontrolados e temos un IPC máis alto ca a media estatal".
Pontón: "Hai que tomar medidas para evitar o empobrecemento da clase traballadora".
Pontón a Feijóo: "Como valora que os prezos en Galicia sexan máis altos ca na media do estado?"
Remata a intervención da voceira nacionalista e Feijóo respóndelle
O presidente da Xunta recoñece que o IPC está "desmandado" e que é un 40 % máis que a media da Unión Europea. Dille a Pontón que "vostedes están calados e seguen apostando polo Goberno, que é o máximo responsable desta situación".
Feijóo: "Quen vai pagar eses 5.000 millóns de euros da rebaixa do prezo do gas?".
Remata a resposta de Feijóo e Ana Pontón ten a quenda de réplica
Ana Pontón a Feijóo: "Todo o que pasa no mundo é culpa do BNG".
Pontón: "Vostede baixou os impostos? Si, sobre todo aos máis ricos, pero tamén baixou o número de médicos, de profesores e os orzamentos dunha atención primaria colapsada".
Pontón: "O PP é o pasado e o primeiro en deixar o barco en Galicia é vostede porque saben que o cambio galego está en marcha".
Ana Pontón amósalle o seu respecto institucional a Feijóo como presidente da Xunta na súa última sesión de control no Parlamento e deséxalle o mellor no persoal
Remata a intervención de Ana Pontón e pecha a resposta o presidente da Xunta
Feijóo: "Sabe que as comunidades autónomas non temos instrumentos para baixar o prezo da luz".
Feijóo dille a Pontón que en Galicia se están a construír sete residencias de maiores
Feijóo: "O 99,9 % dos galegos non paga polas herdanzas".
Feijóo: "Esta non será a miña última intervención como presidente da Xunta, esta será a derradeira, porque esta semana presentarei a miña dimisión como presidente da Xunta."
Feijóo recoñece a todos os deputados cos que traballou e amosa o seu respecto aos 17 voceiros cos que debateu
Feijóo: "Quero mandarlle unha gratitude especial e infinita a Galicia polo cariño que recibín sempre de todos os galegos e galegas".
Feijóo pide perdón por todos os erros que cometeu
Feijóo agradece a despedida que lle fixo Ana Pontón
Feijóo: "Dende estas bancadas fun feliz por defender os intereses de Galicia".
Remata a intervención de Alberto Núñez Feijóo no pleno do Parlamento de Galicia