Publicador de contidos
Publicador de contidos

Albert Luque admite que tentou falar con Jenni Hermoso, pero nega coaccións

Albert Luque admite que tentou falar con Jenni Hermoso, pero nega coaccións

O director da selección masculina de fútbol indicou que o fixo porque tiñan unha relación de amizade

Luque foi o último dos catro investigados nesta causa en declarar

G24.gal 24/10/2023 12:12 Última actualización 24/10/2023 14:10

O director da selección masculina de fútbol, Albert Luque, admitiu que tratou de falar coa xogadora Jenni Hermoso durante a viaxe a Eivisa que realizou tras gañar o Mundial, aínda que indicou que o fixo porque tiñan unha relación de amizade e negou que lle metese presión.

Luque compareceu este martes por videoconferencia ante o xuíz da Audiencia Nacional que o investiga xunto a Rubiales e a outros membros do seu equipo cando presidía a RFEF polas presións ás que sería sometida Jenni Hermoso para tratar de que xustificase publicamente o bico na boca que o expresidente lle deu tras a final do Mundial, o 20 de agosto.

Durante a súa declaración, prestada desde os xulgados de Terrassa (Barcelona), o director da selección masculina negou ter coaccionado á futbolista e xustificou que quixo falar con ela por iniciativa propia porque tiñan unha relación de amizade, segundo informan a EFE fontes xurídicas.

Asesor de Rubiales antes de dirixir a selección, Luque, que só contestou á súa defensa, explicou que el se atopaba en Eivisa antes de que chegasen a decena de xogadoras, entre elas Jenni Hermoso, que viaxaron á illa tras a vitoria do Mundial.

Unha vez alí, de acordo ás fontes consultadas, si admitiu que quixo falar con Jenni Hermoso, pero que ela non o recibiu e por iso falou coa amiga que a acompañou, e sinalou que foi un encontro cordial.

Luque, cuxa declaración durou apenas media hora, engadiu que quedaron para falar os tres ao día seguinte, aínda que finalmente o encontro non se produciu. O director da selección masculina de fútbol foi o último dos catro investigados nesta causa en declarar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar