Aena renovará os aeroportos galegos antes de 2031, nun plan xeral para a rede española
O presidente do Goberno presenta un plan de investimentos de 13.000 millóns en toda a rede española de aeroportos

Aena, a sociedade xestora dos aeroportos españois, acometerá a renovación dos aeroportos galegos no período 2027-2031, dentro dun plan conxunto de toda a rede estatal que este xoves presentou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en Alacant.
O global do plan suporá un investimento próximo aos 13.000 millóns de euros, explicou Sánchez (12.880 millóns), quen dixo que era "o maior investimento das últimas décadas" na rede aeroportuaria nacional.
Rosalía de Castro-A Lavacolla
No caso do aeródromo compostelán, Aena prevé actuacións de mellora de procesos e calidade na área da terminal.
Destaca entre as actuacións a adecuación o sistema de protección contra incendios ou a reforma de vías e urbanización. Realizarase unha mellora da seguridade, co valado perimetral e a renovación de corredores antirretorno.
Ademais tamén se contempla un incremento da seguridade operacional, coa rexeneración de pista e pavimentos de rodadura.
A renovación tamén prevé ampliar os actuais aparcamentos e mellora os sistemas de información e comunicacións, e dos sistemas eléctricos.
Alvedro-A Coruña
En canto ao aeródromo coruñés, a xestora aeroportuaria acometerá actuacións para mellorar a operativa dos voos que non son de área Schengen, habilitará un novo edificio de salvamento e extinción de incendios e de cocheiras.
Tamén haberá actuacións no campo de voo e a plataforma, cunha urbanización da zona de aviación xeral, aumento da franxa, e a mellora de axudas visuais.
Peinador-Vigo
E no que afecta ao aeroporto de Vigo, Aena contempla melloras nos procesos e sistemas de calidade na terminal, coa renovación de pasarelas de embarque, climatización, reforma da zona de autobuses, entre outras.
Tamén se actuará no campo de voo e a plataforma, e na mellora da seguridade, incluída a operacional. O plan ten previsto, ademais, melloras no aparcadoiro e nos sistemas información e comunicacións.
Forte incremento dos investimentos
Os tres aeroportos que maiores investimentos van recibir son os de Baraxas, en Madrid, o do Prat, en Barcelona, e o de Alacant, que só entre os tres acumulan máis de 6.000 millóns de gasto previsto.
Pedro Sánchez defendeu que este forte incremento (270 %) dos investimentos, respecto dos 3.500 millóns do quinquenio 2022-2026, dá mostra da "aposta rotunda pola modernización" e "adecuación" das infraestruturas "ao éxito de país que estamos a ter no ámbito de mobilidade de visitas e do sector turístico".
O presidente do Goberno detallou que este "ambicioso" programa de investimentos baséase en tres prioridades: atender o incremento de tráfico aéreo demandado, escoitando ás compañías e ao sector turístico; mellorar a experiencia dos pasaxeiros, para seguir avanzando en comodidade e seguridade; e sustentabilidade ambiental.
En canto a ese último, do investimento total previsto destinaranse 1.500 millóns a proxectos tecnolóxicos, de innovación e de sustentabilidade ambiental, o que vai permitir alcanzar o fito de “cero emisións netas” en 2030, adiantándonos vinte anos ao compromiso global do sector do transporte aéreo.
Segundo Sánchez, é a estratexia que vai permitir seguir modernizando e ampliando "non soamente os principais aeroportos españois, senón todos aqueles que necesitan adaptarse ao crecemento da demanda".
Neste sentido, o presidente e conselleiro delegado de Aena, Maurici Lucena, explicou que os investimentos anunciados buscan basicamente acomodar a demanda futura dos aeroportos españois, que se espera que este ano encadeen un novo récord de usuarios e superen os 320 millóns de pasaxeiros, o que supoñerá un incremento superior ao 3,5 %.
Na súa opinión, aínda que a rede aeroportuaria española globalmente ten aínda capacidade para acomodar a demanda nos próximos anos, "empeza a estar a cousa apertada", en particular os grandes hubs de Madrid e Barcelona e os grandes aeroportos turísticos, que están "preto da súa capacidade teórica máxima" e "necesitan unha nova onda investidora".
O presidente do Executivo lembrou que, de media, cada 12 segundos despega ou aterra un avión nalgún dos aeroportos da rede xestionada por Aena.
Na súa opinión, este tráfico de viaxeiros "ten evidentemente unha repercusión no turismo, pero non só, tamén no conxunto da economía do noso país".
Estímase que unha mellora do 10 % da conectividade aérea aumenta o PIB per cápita nun 0,5 %; que cada 1.000 pasaxeiros aéreos crean un emprego directo, e que un aumento do 1 % de voos axuda a incrementar os intercambios comerciais nun 0,7 %, detallou.