Adriana Lastra dimite como vicesecretaria xeral do PSOE por motivos "persoais"
Lastra explica nun comunicado que deixa o cargo por motivos persoais e de saúde
O seu embarazo obrigouna a tomar unha baixa laboral "que se vai prolongar aínda un tempo"
A vicesecretaria xeral do PSOE Adriana Lastra anunciou este luns que dimite do seu cargo por "cambios importantes" na súa vida persoal, tras o seu embarazo, que lle esixen "tranquilidade e repouso" e que lle supoñen unha dificultade para compaxinar "coa intensidade que esixe a dirección do partido".
A dimisión de Lastra, anunciada nun comunicado, prodúcese nun momento complicado para o partido tras os malos resultados das eleccións andaluzas e con peticións por parte dalgúns socialistas dunha substitución nas portavocías.
Lastra explica no comunicado que nos últimos meses, debido ao seu embarazo, houbo "cambios importantes" na súa vida persoal que lle esixen "tranquilidade e repouso" e que, nas dúas últimas semanas, a obrigaron a tomar unha baixa laboral "que se vai prolongar aínda un tempo".
"Por todo iso, e ante a dificultade de compaxinar as esixencias de repouso e coidados, imprescindibles na miña situación actual, coa intensidade que esixe a dirección do Partido, presentei a miña dimisión como Vicesecretaria Xeral do Partido Socialista Obreiro Español", engadiu.
Asegura que hai días que lle trasladou esta decisión ao secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno Pedro Sánchez, a quen agradece "a súa confianza todos estes anos percorridos nun camiño que moitos creron imposible" e que asegura que fixeron realidade "paso a paso".
Segundo Lastra, a Vicesecretaría Xeral do Partido Socialista é "unha das responsabilidades máis fermosas que existen", pero tamén "unha tarefa moi esixente en tempo, esforzo e desvelos". Lastra agradece tamén a "dedicación e competencia" de todos os compañeiros da Comisión Executiva Federal e do persoal de Ferraz e dá as grazas igualmente "de corazón" a todos os afiliados e militantes socialistas.
"Se algo fun, son e serei é militante deste partido. Foi un privilexio ser a vosa Vicesecretaria Xeral e éo representar o noso partido no Parlamento. Pero, sobre todo, é e será sempre a maior das miñas honras ser a vosa compañeira, meus queridos compañeiros e compañeiras do Partido Socialista. Atoparémonos nas agrupacións e as casas do pobo", conclúe.
Lastra (Ribadesella, Asturias, 1979) foi elixida vicesecretaria xeral do partido no 39 Congreso Federal do PSOE, en 2017, e foi reelixida para este cargo no 40 Congreso Federal, o pasado mes de outubro en Valencia. Converteuse en portavoz do PSOE no Congreso dos Deputados tras prosperar a moción de censura que levou a Sánchez a presidir o Goberno, en 2018.
O pasado mes de setembro o deputado socialista Héctor Gómez substituíuna como portavoz do PSOE no Congreso co obxectivo de que a política asturiana se centrase no día a día do partido.
Coñecida a noticia, Pedro Sanchez, secretario xeral do PSOE publicaba un chío no que lle daba as grazas a Lastra polo seu compromiso e entrega durante estes anos.
Querida @Adrilastra, eres una socialista ejemplar. Gracias a tu compromiso y entrega durante todos estos años el cambio en el @PSOE y en España fue posible.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) July 18, 2022
Seguiremos trabajando juntos.