A Xunta decreta o nivel 2 no incendio de Vilardevós pola proximidade ás casas
A UME incorporase á loita contra o incendio de Vilardevós. Unidades do Quinto Batallón xa saíron da base de León.
Estabilizado o incendio na parroquia de Miñortos, en Porto do Son, desde as 16:04 horas, que afecta 28 hectáreas
Continúa estable o incendio de Ponte da Barca que leva ardendo unha semana próximo a Galicia
A Consellería de Medio Rural decreta a situación 2 como medida preventiva por proximidade ás vivendas dun incendio que comezou na parroquia de Terroso.
Este incendio primeiro obrigou a confinar o núcleo urbano de Vilardevós, segundo declarou a alcaldesa a Televisión de Galicia, por mor do fume. Despois a Xunta confinou tamén aos veciños dos núcleos urbanos de Dona Elvira e Enxames pola proximidade das lapas ás casas. Pasadas as 17 da tarde levantaba o confinamento dos veciños de Dona Elvira e posteriormente o dos veciños de Enxames.
A primeira hora desta tarde, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) mobilizouse para incorporarse á loita contra este incendio. O delegado do Goberno, Pedro Blanco, confirmou, trala petición realizada polo Executivo autonómico, que unidades do Quinto Batallón xa saíran da súa base de León. A UME tamén estivo a traballar estes días pasado no incendio da Cañiza, que xa está estabilizado.
Tamén o ministerio de Defensa colgaba na rede social X imaxes do incendio de Vilardevós, o máis grande de Galicia no que vai do verán.
Segundo informa Defensa, alí está a traballar o Grupo 43 do Exército de Aire.
✈️ ¡Incansables! #43grupo @EjercitoAire
— Ministerio Defensa (@Defensagob) August 2, 2025
🔥👨🚒 Trabajan en la extinción del incendio forestal de Vilardevós (Ourense) junto a los compañeros de @BrifLaza#IFTerrosoVilardevós pic.twitter.com/dnYaFbzJJ2
O incendio de Vilardevós xa leva queimadas unhas 500 hectáreas. Segundo confirmou a alcaldesa do Concello, Eva Pérez Gamote, o confinamento nas casas do núcleo de Dona Elvira é pola súa proximidade ás casas e no propio núcleo de Vilardevós por precaución, porque hai moito fume.
Primeras imágenes del incendio de Terroso, Vilardevós (Ourense) a la llegada de #Brif Laza. #IFTerrosoVilardevos pic.twitter.com/g7fjgp9Lm3
— Diario de un Bombero (@BrifLaza) August 2, 2025
Segundo conta a @BrifLaza na súa conta de X, neste incendio, da Brif de Laza, tiña previsto traballar un equipo formado por 16 bombeiros forestais e dous helicópteros.
O incendio iniciouse ás 23:04 horas da pasada noite e inicialmente para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 18 axentes, 23 brigadas, 25 motobombas, 5 pas, 7 helicópteros e 7 avións.
Estabilizado o incendio en Porto do Son, desde as catro da tarde
Desde as catro da tarde deste sábado está estabilizado o incendio no concello coruñés de Porto do Son, parroquia de Miñortos, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 28 hectáreas.
O incendio comezou ás 02:52 horas desta madrugada e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 6 axentes, 7 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 2 avión e 2 helicópteros.
Mantense estabilizado o incendio A Cañiza-O Couto, desactivada a situación 2
Segue estabilizado desde as 19:57 horas de onte venres o incendio forestal do concello pontevedrés da Cañiza, parroquia de Couto. A situación 2 neste incendio desactivouse ás 12:22 horas deste mediodía, polo que tamén se desmobilizou os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias, que estiveron colaborando nas tarefas de extinción. Este incendio afecta unhas 300 hectáreas
Neste incendio decretouse, na noite do mércores, o confinamento da poboación de sete núcleos, unha medida preventiva que foi desactivada na mañá de onte venres. O aviso, en ambos casos, xerouse por medio do sistema ES-Alert.
O lume iniciouse ás 16:23 horas do mércores en ata cinco puntos diferentes de forma case simultánea, o que apunta unha clara intencionalidade. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 300 hectáreas. Polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 15 técnicos, 42 axentes, 66 brigadas, 40 motobombas, 5 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 7 avións e 10 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.