Activado o aviso amarelo na costa por ondas de ata cinco metros de altura
A presenza de neve nas montañas de Lugo e Ourense atrae centos de visitantes a Pedrafita do Cebreiro e á estación de Manzaneda
O domingo comezou con vento forte no litoral da Coruña e mar combinado do noroeste. Segundo as previsións de MeteoGalicia, as ondas poderían superar os cinco metros polo que permanece activado o aviso amarelo en toda a costa ata a medianoite.
Ademais, a Axencia Estatal de Meteoroloxía alerta de precipitacións importantes na Mariña, con acumulacións en doce horas de ata 40 mm.
O prognóstico no mar repítese para o luns. Pontevedra manterá o aviso por ondas ata as seis da mañá; na Mariña non se agarda melloría ata as dez e no noroeste da Coruña a advertencia estará vixente todo o día.
Neve na montaña
Polo momento, a cota de neve sitúase nos 1.200 metros e moita xente aproveita a xornada para achegarse ata a montaña de Lugo e Ourense. Durante toda a fin de semana, Pedrafita do Cebreiro e a estación de Manzaneda, con 18 pistas abertas, foron os lugares máis concorridos.