Aceptan 5 anos de cadea por darlle unha malleira a un ancián en Vigo para roubalo
Utilizaron un coitelo e unha pistola para amedrentalo, golpeárono e atárono a unha cadeira
Os acusados revolveran a casa e atoparan un sobre con 20.000 euros e ademais volveron roubarlle ao día seguinte
Os catro acusados de asaltar a un veciño de Vigo de 92 anos de idade na súa casa da parroquia de Coruxo, aceptaron penas de 5 anos e 5 anos e medio de prisión. Foi nunha audiencia preliminar celebrada este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.
Segundo recolle o escrito de Fiscalía, os feitos ocorreron na madrugada do 15 de xullo de 2025, cando os acusados acudiron á vivenda da vítima e ameazárono esixíndolle diñeiro. Utilizaron un coitelo e unha pistola para amedrentalo, e déronlle unha malleira: golpeárono, atárono a unha cadeira e o amordazaron.
Os acusados revolveron a casa e atoparon un sobre con 20.000 euros que o ancián tiña escondido detrás dun espello. Así mesmo, quitáronlle unha tarxeta bancaria e esixíronlle ao home que lles dese o número PIN. De feito, un dos acusados tratou de sacar diñeiro nun caixeiro próximo pouco despois, pero non o conseguiu porque a vítima lle facilitara un número erróneo.
Uns días despois, os procesados volveron presentarse de madrugada no mesmo domicilio. Nesa ocasión, leváronse unha furgoneta que o ancián tiña estacionada na súa leira, e abandonárona horas despois nun descampado.
Por estes feitos, e tras o acordo de conformidade alcanzado, a Audiencia condenou a Israel C. A. e Jesús C. M., a penas que suman 5 anos e 6 meses de cárcere, e ao pagamento de multas por 360 euros, como autores dun delito de roubo con violencia en casa habitada e con uso de instrumento perigoso, en concurso cun delito de detención ilegal; un delito leve de lesións; un delito de estafa; e un delito de furto de uso de vehículo.
Aos acusados Francisco Javier M.E. e Yago E. C., condénaos polos mesmos delitos (excepto o furto da furgoneta), pero aplica a atenuante de toxicomanía, e a pena imposta queda en 5 anos de cárcere e multa de 180 euros. Finalmente, foi xulgado un quinto mozo, o único que non está en prisión provisional, Luis F.G., ao que o tribunal lle atribúe o delito de furto de uso de vehículo, e ao que impuxo unha multa de 180 euros.
En concepto de responsabilidade civil, a Audiencia condenou aos catro procesados principais a indemnizar conxunta e solidariamente á vítima en 20.000 euros polo diñeiro subtraído e noutros 4.000 euros polas lesións e secuelas.
A sentenza foi declarada firme pola sala, ao non ter intención de recorrer as partes.