Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta estuda limitar as xuntanzas de Nadal a oito persoas

A Xunta estuda limitar as xuntanzas de Nadal a oito persoas

Pretende tamén que o certificado COVID sexa obrigatorio en máis ámbitos, como nos cines ou nos eventos multitudinarios.

Non desbota tampouco recuperar os tests que se facían nos aeroportos ante as numerosas viaxes que se agardan para estas datas 

G24.gal 13/12/2021 10:11

O comité clínico que asesora á Xunta traballa en "recomendacións" como limitar as reunións a oito ou dez persoas no marco das celebracións do Nadal en función da evolución epidemiolóxica da covid–19.

Así o asegurou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña no marco do Foro Salud de Nueva Economía Fórum ao que asistiu en Madrid.

O titular de Sanidade reivindicou ademais o uso do certificado COVID "para garantir espazos máis seguros" e para "animar á vacinación".

A Xunta pediu autorización ao Tribunal Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para estender o uso do certificado COVID para entrar en cines e eventos masivos dentro de cuxo espazo se coma e se beba. Agora xa é obrigatorio na hostalería, ocio nocturno e acceso a hospitais.

Comesaña detallou ademais que todas as semanas se revisan os datos de incidencia e a súa repercusión no ámbito hospitalario en Galicia. Admitiu que preocupa na actualidade a situación nas áreas sanitarias de Ourense e de Vigo, e por tanto non desbotan "facer unha análise detallada para que as UCI non cheguen a un punto crítico".

Sobre a mobilidade da semana pasada por mor dos festivos da ponte de decembro, o conselleiro resaltou que vai repercutir na incidencia. "Estamos preocupados, vendo datos e formulando solucións".

A Consellería de Sanidade estuda ademais "volver recuperar" os puntos para a realización dos tests covid–19 a pasaxeiros nos aeroportos galegos.

"Non o descartamos", engadiu o conselleiro, quen defendeu que é unha medida que "debería estar en todos" os aeroportos, "non só nos de Galicia".

Neste sentido, incidiu en que o "problema" desta pandemia de covid–19 é "a mobilidade", porque "a xente se move moito", e con iso defendeu "calquera elemento que axude a que sexa segura a mobilidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade