A Xunta promoverá as Illas Atlánticas con actividades gratuítas de observación astronómica
A Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (FEGAR) difundirá os valores que desde 2016 acreditan este espazo como destino turístico Starlight
A programación arrincará este martes e prolongarase ata a primeira fin de semana de setembro
Éste é o noveno ano consecutivo que se realizan estas actividades

O parque nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrecerá este verán unha completa programación de actividades astronómicas co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais.
Nunha nota de prensa, a Xunta explica que, por noveno ano consecutivo, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (FEGAR) dirixirá e coordinará as accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde 2016 acreditan este espazo como destino turístico Starlight.
Unha programación que arrincará este martes e que se prolongará ata a primeira fin de semana de setembro. Para logralo, FEGAR contará coa colaboración e o apoio loxístico do persoal do parque nacional para o desenvolvemento das actividades, que serán gratuítas e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.
Durante a quenda de mañá as accións levarán a cabo entre as 13:30 e as 14:00 horas e centraranse na observación solar. A observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, de 23:30 a 01:30 horas, con charlas a cargo de expertos.
Adicionalmente, tamén se realizarán unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas a nenos así como de observación de meteoritos, incluíndo a choiva de estrelas fugaces das Perseidas de agosto, para as que están previstas actividades simultáneas nas Cíes e en Ons.
A programación chegará aos catro arquipélagos aínda que a oferta concentrarase nas Cíes, onde se realizarán actividades do 1 ao 31 de agosto e o 6 e 7 de setembro, e en Ons, con quendas diarias durante todo o mes de xullo, e do 9 ao 12 de agosto.
As accións en Cortegada e en Sálvora serán puntuais, con dúas charlas o 2 e o 8 de agosto, no primeiro caso, e unha prevista para o sábado 16 de agosto no segundo.
Os interesados en participar nalgunha destas actividades gratuítas deberán inscribirse previamente nas casetas de información das illas e os grupos organizaranse in situ, dependendo sempre das condicións meteorolóxicas.