A Xunta pon en marcha o programa 'Coidados porta a porta' para maiores de 55 anos
Oito camións con consultas de audioloxía, podoloxía e memoria percorrerán toda Galicia
A Xunta pon en marcha o programa 'Coidados porta a porta' para levar servizos médicos a todos os maiores de Galicia. Oito camións percorrerán o país con consultas de podoloxía, audioloxía e memoria. O servizo é gratuíto, para maiores de 55 e hai que pedir cita.
Os camións pasarán por todos os concellos, agás as sete cidades, tres veces ao ano para consultar persoas que pidan cita do oído, dos pés e da memoria. Mañá van estar xa en Ourol (Lugo), Baiona (Pontevedra), San Amaro (Ourense) e Cambre (A Coruña). Contan atender uns 100.000 galegos cada ano en todo o territorio.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirma que a igualdade entre o rural e o urbano consiste en igualar os servizos públicos en todo o país.
"Para atender gratuitamente todas as persoas maiores de 55 anos no que necesiten para detectar problemas auditivos, para coidar coa podoloxía axeitada ás persoas e para facer test de memoria e previr algunhas emfermidades dexenerativas, que se se collen a tempo diminúe a súa intensidade e agudeza e poden pospoñerse durante anos", explicou Feijóo.
O presuposto para este servizo 'Coidados porta a porta' ascende a dez millóns de euros este ano e o que vén.