Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta pídelle ao Goberno que use a súa influencia en Europa para reverter o veto ao arrastre

A Xunta pídelle ao Goberno que use a súa influencia en Europa para reverter o veto ao arrastre

O Goberno central pedirá que se revise a decisión, que considera que "non é equilibrada"

Alfonso Rueda non descarta recorrer antes os tribunais se a decisión é firme

Juan Manuel Vieites: "En Bruxelas fanlles moito caso aos ambientalistas pero non ao sector do mar"

G24.gal 16/09/2022 12:40 Última actualización 16/09/2022 15:15

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou ao Goberno central que use "toda a súa influencia" en Europa para reverter a prohibición da pesca de arrastre nas zonas protexidas do Atlántico, un acto que a conselleira de Mar, Rosa Quintana, tachou de "mala fe".  

"Estamos moi preocupados, non o esperabamos", manifestou este venres o mandatario galego, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios, en que lembrou que representantes da Unión Europea visitaron Galicia e comprometéronse a "estudar" a situación e os informes que "demostraban que non era necesaria" esta prohibición.  

Se se mantén como está a decisión, dixo Rueda, "centos de barcos" resultarán afectados e advertiu do prexuízo económico. Neste sentido, asegurou que os "primeiros" que buscan a "sustentabilidade" é o propio sector, xa que é "consciente" de que "non se poden utilizar prácticas nin métodos que acaben con estes recursos", polo que manifestou non entender a decisión que non está avalada -dixo- por "argumentos técnicos".  

Alfonso Rueda indicou que a Xunta avaliará "exactamente" en que consiste esta prohibición e, "se é firme", non se descarta o recurso ante a Xustiza, pero espera que "non sexa necesario" e que o Goberno central "use toda a súa influencia en Europa" e tome "moi en serio" esta cuestión para "revertela".   

"Nin pés nin cabeza". É a reacción do presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo, o vigués Iván López, á decisión da Comisión Europea de prohibir pesca en 87 áreas dentro das augas comunitarias, baixo o argumento de que cómpre protexer os corais e as esponxas.

Os armadores estiman que haberá uns 200 barcos de capital galego que quedarán sen zonas onde pescar. E agoiran que boa parte deses pesqueiros non poderán recolocarse noutros caladoiros, polo que moitos acabarán indo ó despezamento. E todo, din sospeitar, para ter contentos a grupos ecoloxistas.

O Goberno pedirá que se revise a decisión

O Goberno central solicitou, xunto con Francia, a inclusión dun punto no próximo Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea para expresar o seu "malestar" ante a decisión de pechar á pesca de fondo esas 87 zonas.

"Para expresar o noso malestar ante esta decisión adoptada hoxe pola CE, solicitamos, xunto con Francia, a inclusión dun punto varios neste próximo Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea, para requirir á Comisión Europea que, unha vez se dispoña do novo informe de ICES, se revise inmediatamente a proposta", destacan fontes do ministerio a Europa Press.  

Así mesmo, o ministerio seguirá "demandando a necesaria avaliación socioeconómica da medida", avanzan ditas fontes.

Con todo, o Goberno central asume que, "unha vez se publique o acto no Diario Oficial da Unión Europea", é a súa "obrigación respectalo a partir da data que se estableza". "Estamos a estudar os detalles da súa aplicación para dar as indicacións oportunas á frota", apunta.

O Executivo de Pedro Sánchez puntualiza que "comparte, como non pode ser doutra maneira, o obxectivo da conservación e protección dos ecosistemas mariños vulnerables". No entanto, engade que defende "a necesidade de que sexa unha medida proporcionada e equilibrada, como calquera medida baixo a Política Pesqueira Común, que sexa equilibrada desde o punto de vista económico, social e ambiental", e considera que "esta medida non o é".  

Esta decisión da Comisión adoptouse, segundo lembran as fontes do ministerio, "cun non-ditame do Comité de Pesca, e o voto en contra de España e Irlanda, así como numerosas abstencións". "Tamén se ignoraron as demandas dos sectores pesqueiros comunitarios afectados", censuran.

Así, explica o ministerio que a decisión da Comisión baséase nunha recomendación científica "que non está concibida nin orientada para a súa aplicación a todas as frotas de fondo", algo que foi sinalado por España e "confirmado" polos seus institutos científicos.

A inclusión do palangre de fondo entre as artes prohibidas nas zonas que se pechen "non resulta en absoluto razoable", lamenta, "polo moito menor impacto, practicamente nulo, do mesmo sobre os ecosistemas mariños vulnerables".  

Por outra banda, atendendo aos diferentes escenarios da recomendación científica, o departamento ve "posible excluír dos devanditos peches a algunhas zonas" e afea que isto "tampouco foi considerado pola Comisión".  

"Existe información científica máis recente, que foi transmitida por España, e que formará parte dunha nova recomendación científica que se espera para o próximo mes de novembro", chama a atención.  

É por este motivo que a Comisión Europea, a xuízo do Goberno español, "debería esperar a ese momento para adoptar o acto e facelo con maior precisión e acerto".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos