A Xunta pídelle ao Goberno "garantías e coordinación" nas medidas contra a violencia machista
A secretaria xeral de Igualdade recoñece que non hai efectivos suficientes para efectuar seguimento das vítimas con ordes de protección
Susana López Abella reclama que se implique os servizos sociais, a porta de entrada das vítimas ao sistema asistencial
Despois dun decembro tráxico, con cifras históricas de mortes por violencia machista, e os catro asasinatos aos que asistimos xa en 2023, en tan só 24 horas, o Comité de Crise convocou as forzas e corpos de Seguridade do Estado para adoptar medidas que palien esta situación.
Este mércores abordamos coa Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, a reunión que manteñen administración e o ámbito policial na loita contra as violencias machistas.
Desa convocatoria, as comunidades agardan coñecer no día de hoxe os mecanismos a aplicar nos diferentes territorios. Susana López Abella pídelle ao Goberno máis coordinación e transparencia á hora de aplicar calquera medida, e sobre todo que se conte coas comunidades, desde onde se traballa directamente coas vítimas.
Plan de Interior
Abella agarda que Interior teña en conta as advertencias da Fiscalía antes de poñer en marcha o mecanismo para alertar as vítimas en caso de que as súas parellas conten con antecedentes por maltrato. A responsable de Igualdade da Xunta espera que a medida se deseñe con todas as garantías, evitando cometer os mesmos erros que coa "lei do si é si". Convén coa Fiscalía en que cómpre abordar cada caso de maneira individual.
"Cada caso é diferente ao anterior, e ao seguinte. Cada caso hai que traballalo de forma personalizada porque cada muller ten unha problemática diferente".
Traslada López Abella que a violencia machista é un problema estrutural do país, que desde que existen rexistros, en 2003, xa son 1148 mulleres asasinadas e que cómpre manter na primeira liña de acción política e de todos os axentes que traballan nos diferentes territorios coas vítimas.
"É importante revisar medidas, pero non a golpe de titular, senón de forma seria e a porta pechada, entre o ámbito xudicial, social e policial. En Galicia hai 84 centros con profesionais especializados que traballan con mulleres ás que preparan para poder denunciar. Hai unha marxe enorme de mellora", manifesta.
Máis policía
Manifesta a representante da Xunta que, pola información que reciben das mesas de coordinación interinstitucional dos concellos, os axentes recoñecen estar ao límite.
"Asínanselles máis mulleres das que poderían atender. É evidente que debería haber máis policías no ámbito do seguimento das mulleres que teñen ordes de protección".
Traballo de prevención
Abella remarca na importancia de educar na prevención en todos os eidos da sociedade, así como no traballo de sensibilización que lle corresponde ós medios de comunicación, aos que lle pide máis implicación nesta tarefa porque "aínda hoxe hai quen nega a violencia machista. É moi importante que exista esa concienciación social", remata.