Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta pídelle ao Goberno central unha normativa común para regular os pisos turísticos

A Xunta pídelle ao Goberno central unha normativa común para regular os pisos turísticos

A directora de Turismo de Galicia ve neste modelo unha solución para completar a oferta de aloxamentos en determinadas zonas da comunidade

Afirma que é competencia dos concellos limitar as vivendas de uso turístico a través dos plans de ordenación municipal

G24.gal 17/05/2022 14:58

Nava Castro respondeu este martes na RG á polémica xurdida tras as sentenzas que obrigarían os propietarios de pisos turísticos a ter licenza municipal para poder levar a cabo esta actividade. Un dos concellos implicados, o de Santiago, xa anunciou que sancionará de xeito inminente os donos de pisos turísticos que non teñan tal autorización.

Non obstante, a versión da Xunta de Galicia vai por unha liña diferente á do consistorio compostelán. Afirma Nava Castro que o Goberno Galego está a rexistrar estes aloxamentos, atendendo ao que marca a normativa autonómica, avalada integramente pola xustiza. 

Engade que neste caso son os concellos os que teñen potestade para regular estas vivendas dentro dos municipios, e así se recolle no Decreto da Xunta de 2017. 

"Os concellos son quen teñen e deben, a través dos seus mecanismos, limitar esas vivendas. Unha vez que esa modificación se faga nos seus plans xerais, aí xa se limita", puntualiza. 

Manifesta que o Goberno Galego está aberto ao diálogo tanto con concellos como coa FEGAMP, ante esta problemática, pero pídelle ao Estado que elabore unha normativa común para regular as vivendas de uso turístico nas cidades.

"Nós si esiximos ao Estado que se faga unha normativa común. Isto xorde porque en 2017 a Lei de arrendamentos urbanos retira dos alugueiros os de curta duración e lévanos ás competencias das CC. AA. en materia de turismo"

Traslada que a Xunta si formula requirir estas licenzas nos casos de empresas que xestionen numerosos pisos turísticos. 

Parque de pisos turísticos

Sinala a directora de Turismo que das catorce mil vivendas turísticas rexistradas a día de hoxe en Galicia, a maioría alúganse por períodos curtos durante o verán, e serven para solucionar a falta de aloxamentos turísticos en determinadas zonas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade