Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta pide que España lidere en Bruxelas a petición dunha moratoria da normativa agrícola

A Xunta pide que España lidere en Bruxelas a petición dunha moratoria da normativa agrícola

O ministro apela á responsabilidade das comunidades autónomas para aliviar os problemas do sector

Este martes están convocadas unha decena de tractoradas  en Galicia

G24.gal 19/02/2024 20:31 Última actualización 19/02/2024 20:45

Mentres agricultores e gandeiros mantiñan a décimo terceira xornada de protestas en España, o ministro Planas celebraba un encontro por videoconferencia coas comunidades autónomas, ás que lles pediu colaboración para aliviar a situación do sector.

"Hai medidas moi sinxelas que están na man das comunidades autónomas, que as poden adoptar para responder con vistas á inquedanza sobre a aplicación das normas europeas", aseguraba o minsitro de Agricultura.

Pero tanto o ministerio como as consellerías recoñecen que a clave está no Consello de Ministros europeos de Agricultura do día 26. A Xunta reclámalle a Planas forza e contundencia na defensa dos intereses de agricultores e gandeiros ante Bruxelas.

"Que España lidere unha moratoria da lexislación que está poñendo trabas burocráticas ata que haxa unha reflexión estratéxica de cal debe ser o papel da agricultura e da gandería en Europa, tanto desde o punto de vista da soberanía alimentaria como da xestión sostible do territorio", reclamaba o conselleiro de Medio Rural en funcións José González.

As principais organizacións agrarias de Galicia pospuxeron as mobilizacións ata pasadas as eleccións. Pero este martes volveremos ver os tractores na rúa. Hai convocadas unha decena de protestas entre o mediodía e as cinco da tarde. Unha delas, ante a Xunta en Santiago e outra ante a Delegación do Goberno na Coruña. Os labregos tamén están chamados a facer cortes de estradas en Pedrafita, Ribadeo ou A Gudiña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade