A Xunta pide que a retirada da máscara en interiores sexa gradual e con criterios técnicos
O conselleiro de Sanidade admite que "ten que desaparecer nalgún momento"
Comesaña cre que o proceso ten que atender tamén á evolución da pandemia
O conselleiro de Sanidade pídelle ao Goberno que sexan criterios técnicos os que se empreguen para abordar a retirada da máscara en interiores. Julio García Comesaña apela á prudencia porque, dixo, é unha norma que funciona, e lembra que en Galicia se mantén a recomendación de levala nos patios de colexios.
Comesaña recoñeceu que a máscara, que foi “tan eficiente” nas diferentes fases da pandemia para evitar transmisión, “ten que desaparecer” nalgún momento. Iso si, deixou claro que a forma de abordar este debate "non é nunha conferencia de prensa nin nunha entrevista”.
O conselleiro confía en que o debate que se produza no próximo encontro do Sistema Nacional de Saúde e no Consello Interterritorial sobre esa retirada “sexa técnico e que as conclusións e prazos sexan froito do debate e non de oportunidade”.
O conselleiro lembrou que algunhas comunidades como Galicia, “por precaución”, acordaron manter a recomendación do uso da máscara nos patios dos centros educativos por un principio de prudencia ante posibles “aglomeracións”.
O conselleiro di que a Xunta “non foxe” do debate da retirada da máscara, senón que “cremos que ten que ser técnico e ten que ser gradual e, desde logo, segundo como vaia evolucionando a situación".
Ao preguntarlle por unha posible retirada gradual, en primeiro lugar, nos colexios, explicou que é “unha liña de traballo que non é descartable”, a medida que vaia evolucionando a vacinación e que se vai estudar.