A Xunta agarda informes doutras Administracións para tramitar 19 parques eólicos
A consellería de Medio Ambiente di que hai vinte informes de impacto ambiental, que corresponden a Administracións non autonómicas, pendentes de aprobación
A Xunta pide prudencia na tramitación dos novos parques eólicos para Galicia, despois de recibir a prema dende o Ministerio para a Transición Ecolóxica para que entregue as valoracións ambientais correspondentes.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, aseguraba hoxe nun acto en Melide, que a Xunta tentaría cumprir coa realización da declaración de impacto ambiental, as chamadas DIA, para os parques éolicos de titularidade autonómica e tamén os excepcionados, antes de que remate o prazo, a finais do vindeiro mes de xaneiro. Pero tamén esixiu a mesma disposición aos que dependen da Administración central.
Ángeles Vázquez asegurou que dos parques de menos de cincuenta megawatts, cuxa valoración ambiental depende da Xunta, hai xa vinte e nove informes realizados, pero que outros vinte, adscritos a organismos alleos á Administración autonómica, están aínda pendentes da correspondente declaración de impacto ambiental.
"Temos cento vinte e tres parques eólicos que temos que informar e, polo tanto, han de ter DIA favorable ou desfavorable antes do vinte e catro de xaneiro, pero cal é a nosa sorpresa que, se un dos organismos que ten que informar é a Confederación Hidrográfica, que depende directamente do Ministerio, é a primeira que non está cumprindo. Polo tanto, se non nos chegan todos os informes é imposible o cumprimento", manifestou a conselleira de Medio Ambiente.