Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta pídelle ao Concello de Vigo medidas tras detectarse alto nivel de chumbo na traída preto do IES de Beade

A Xunta pídelle ao Concello de Vigo medidas tras detectarse alto nivel de chumbo na traída preto do IES de Beade

Os técnicos afirman que a presenza do metal só pode deberse ao arrastre dende as acometidas exteriores 

O director territorial de Educación propón ao Concello que realice catas para detectar as tubaxes de chumbo que están provocando problemas "para evitar confusións"

Visita ás instalacións de suministración de auga do IES de Beade Visita ás instalacións de suministración de auga do IES de Beade
G24.gal 06/02/2026 15:02

A Xunta de Galicia pediu ao Concello de Vigo que adopte medidas tras detectarse alto nivel de chumbo na auga da traída en varias mostras analizadas na parroquia de Beade, na contorna do instituto, aínda que subliñou que as instalacións de subministración do centro están en bo estado.

A alerta deuna o propio Concello, a través do Consello Municipal Escolar, hai uns días, cando informou a Xunta de que detectara presenza de chumbo en cantidades máis altas do normal na auga do instituto; aínda que posteriormente os valores volveron á normalidade (con todo, a comunidade educativa está a consumir auga embotellada).

O pasado luns, técnicos de Saúde Pública da Xunta recolleron mostras en catro puntos diferentes do exterior do centro (tres acometidas de vivendas e un punto da rede de abastecemento) e comprobaron que dous deses puntos, os máis afastados do IES, presentan concentración de chumbo e outros metais (ferro, aluminio e arsénico).

Nas últimas horas, o director territorial de Educación, César Pérez Ares, acompañado pola responsable da Unidade Técnica de Educación, membros da dirección do instituto e un representante da empresa de subministracións, visitou o centro para comprobar o estado das instalacións e circuítos.

Así, os técnicos puideron constatar que estas presentan bo estado e que todas as tubaxes de auga, desde o contador da fachada ata o interior, son de polietileno, polo que a presenza de chumbo advertida polo Concello só pode deberse ao arrastre desde "as acometidas exteriores".

"Non serve de nada que teñamos todas as instalacións perfectas no interior, con polietileno, cando existe un arrastre de chumbo desde as tubaxes municipais exteriores cara ao interior", indicou César Pérez Ares, que pediu ao Concello "medidas correctoras para evitar problemas no consumo de auga".

Así, propuxo, "para evitar confusións", que o Concello realice catas para detectar as tubaxes de chumbo que están a provocar os problemas.

A Xunta trasladou o resultado das análises realizadas polos farmacéuticos de Saúde Pública tanto ao Concello como á concesionaria Aqualia.

"Propiedades privadas"

Mentres o Concello matizou que os dous incumprimentos na calidade da auga detectados na contorna do IES de Beade "correspóndense con propiedades privadas". Así, o primeiro atópase nunha vivenda particular que linda co centro educativo e o Concello xa se dirixiu aos propietarios para que cambien a acometida.

Con respecto ao segundo "suposto incumprimento", explicaron fontes municipais, correspóndese cunha cafetería, e a mostra recollida por técnicos de Aqualia "difire da que fixo a Consellería". "Con todo, seguiranse realizando as oportunas comprobacións para continuar garantindo a calidade da auga na rede da contorna do IES", apuntaron as mesmas fontes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar