A Xunta recomenda usar a máscara nos patios dos colexios e onde haxa aglomeracións
Toda a hostalería recuperará o horario da licenza a partir do sábado
A Xunta de Galicia anunciou este xoves que vai aplicar a lei en que se levanta a obriga do uso das máscaras en exteriores, pero mantén a "recomendación de empregala naqueles lugares onde se poidan producir agrupacións dun número importante de persoas en espazos limitados".
Isto inclúe os patios dos colexios e aqueles espazos escolares ao aire libre. Os expertos do subcomité clínico, di a Xunta nunha nota, lembran que este mércores comenzou a administración da segunda dose da vacina contra a covid-19, polo que, "ata que os rapaces teñan a pauta completa, o recomendable é seguir coa máscara" onde haxa un número elevado de persoas que compartan un mesmo espazo exterior. Destacan ademais que é un espazo onde os escolares habitualmente toman bebidas ou alimentos.
A Xunta de Galicia recomenda seguir actuando con responsabilidade e lamenta, segundo di a nota difundida este xoves, "que a norma non sexa máis explícita, posto que pode dar cabida a interpretacións, ao entrar en contradicións coas normas contempladas no protocolo nacional de protección covid-19 no ámbito educativo, aínda en vigor".
"No que atinxe á saúde as normas deben ser claras e deberíanse consensuar cos expertos", conclúe.
Respecto ao ritmo da vacinación, na actualidade Galicia conta co 81,9 % dos menores con idades comprendidas entre 5 e 11 anos con cando menos unha dose da vacina contra a covid-19. Deste xeito, é a comunidade autónoma com maior número de rapaces e rapazas vacinados, situándose 26 puntos por riba da media española (55,7 %).