Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta investirá máis de 13 millóns no enlace da Mariña coa autovía AG-64

A Xunta investirá máis de 13 millóns no enlace da Mariña coa autovía AG-64

Duplícase a extensión dos terceiros carrís, mellórase o firme e rectifícanse as curvas máis pechadas

G24.gal 04/05/2022 19:09

A conselleira de Infraestruturas e  Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou este mércores o proxecto de novo trazado da  LU-540, a estrada Viveiro- Cabreiros (Xermade), unha obra que foi definida “como estratéxica” para as comarcas lucenses da Mariña e a Terra Chá, dado que é a vía que enlaza a parte occidental da costa de Lugo coa autovía AG-64 -Ferrol-Vilalba-, que á súa vez conecta coa A-8 na capital chairega.

Ethel Vázquez anunciou en conferencia de prensa que o proxecto está en fase de información pública desde este mércores e ata o 16 de xuño, co obxectivo de avanzar nos trámites administrativos para licitar a primeira fase das obras, que inclúe o tramo comprendido entre os municipios de Viveiro e Ourol, a finais deste ano.

O investimento total previsto pola Xunta de Galicia ascende a 13,4 millóns de euros, coa finalidade de mellorar a seguridade dos usuarios e acurtar notablemente o tempo de desprazamento, tendo en conta de que se duplicará a extensión dos terceiros carrís, que facilitan os adiantamentos.

A intención da Xunta é acondicionar 35 quilómetros da  LU-540, entre Viveiro e  Cabreiros, coa finalidade de rebaixar o tempo de desprazamento entre ambos os puntos, que na actualidade supón uns 35 minutos de viaxe, debido á existencia de curvas de radio reducido e longos tramos con prohibición de adiantamento.

O proxecto de mellora contempla a dotación de 4,6 quilómetros de terceiros carrís, para chegar a case 10 quilómetros de carrís adicionais no tramo, ademais de reforzar a seguridade en nove interseccións e de mellorar o trazado entre os quilómetros 5 e 8.

Ademais, a Xunta contempla a rectificación das curvas máis complicadas e o reforzo do firme nos 35 quilómetros de vía, para que os usuarios poidan circular unha velocidade de 90 quilómetros por hora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade