A Xunta investirá 8 millóns en crear 220 polos creativos nos centros escolares
O obxectivo é mellorar as competencias dixitais do alumnado
A Xunta vai investir 8 millóns de euros en crear polos creativos en 220 colexios e institutos. Serán espazos onde os alumnos aprenderán a manexar a robótica, intelixencia artificial ou a impresión 3D.
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, participou este martes na presentación dos kits tecnolóxicos aos centros educativos que se fixo na Cidade da Cultura.
"Queremos que os rapaces adquiran as competencias que mañá lles van esixir as empresas para que a porcentaxe de empregabilidade, finalizada a secundaria, o bacharelato ou a FP, teña unha porcentaxe que acredite a utilidade do sistema educativo", explicou Feijóo.
Este mércores abre a convocatoria para que os centros presenten un proxecto para optar a un destes 220 kits tecnolóxicos. Na selección valorarán que participen profesores de varias disciplinas e que organicen actividades abertas á cidadanía.