Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta e o Concello da Coruña impulsan a declaración BIC dos murais de Lugrís

A Xunta e o Concello da Coruña impulsan a declaración BIC dos murais de Lugrís

O inicio desta tramitación coincide co proceso de compra dos murais situados nos baixos dos números 25 e 27 da rúa Olmos, onde estaba o antigo restaurante Fornos

As doce pezas de Lugrís datan de febreiro de 1951 e están realizadas coa técnica 'a secco' e pintura ao óleo

G24.gal 28/02/2024 11:22 Última actualización 28/02/2024 13:24

A Xunta e o Concello da Coruña acordaron impulsar a declaración dos murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos como ben de interese cultural. O Goberno autonómico informou este mércores de que prepara xa a incoación do expediente para que estes frescos sexan declarados BIC. Para iso, están a utilizarse os informes desenvolvidos polo Concello coruñés e que se remitiron onte, segundo apuntou o Executivo autonómico.

O inicio desta tramitación coincide co proceso de compra dos murais situados nos baixos dos números 25 e 27 da rúa Olmos, onde estaba o antigo restaurante Fornos, uns inmobles en completa deterioración e cuxa propietaria entrou en concurso de acredores.

O Xulgado do Mercantil número 3 da Coruña recibiu catro ofertas para adquirir os murais. Unha empresa -que tamén quere comprar os edificios anexos-, un particular, unha galería de arte e a Xunta presentaron as súas ofertas, de entre 30.000 a 40.100 euros. O Goberno autonómico expresou a súa intención de comprar os frescos para restauralos e trasladalos ao Museo de Belas Artes.

Se a Xunta os declara BIC, tería dereito de tenteo e, así, podería igualar a oferta máis alta polas obras de Lugrís para converterse no seu titular. A asociación O Mural e o colectivo In nave civitas piden desde hai meses declarar ben de interese cultural os murais, que teñen protección porque está catalogado no plan de urbanismo e incluído na área regulada por un plan especial da Cidade Vella da Coruña.

O Concello explicou no seu momento que as doce pezas de Lugrís datan de febreiro de 1951 e están realizadas coa técnica 'a secco' e pintura ao óleo.

A Xunta defende que os murais permanezan xuntos 

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, defendeu este mércores que os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos permanezan xuntos nun espazo público na Coruña, polo que espera que triunfe a súa oferta e para iso tamén impulsou a declaración de ben de interese cultural.

A Xunta poxou polos murais, dentro do proceso de liquidación da empresa propietaria, aínda que hai unha oferta máis alta dunha galería de arte. Neste contexto, o conselleiro incidiu en que a súa idea é levalo ao Museo de Belas Artes da Coruña cun triplo obxectivo: "Mantelo na Coruña, que non se fragmente e que poida ser gozado nun espazo de acceso público".

Agora, cun informe do Concello da Coruña, a Xunta xestiona "unha declaración exprés" de ben de interese cultural, que implicaría un dereito de tenteo e retracto para o Goberno galego. Xunto a iso, o BIC supón "preservar a integridade do ben" e outras proteccións, para as que Rodríguez pide tempo mentres os técnicos abordan o expediente, que non irá esta semana ao Consello da Xunta.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, noutro acto, dixo que traballa "man a man" coa Xunta para esa declaración de BIC. "O obxectivo das dúas administracións é recuperar eses murais para o patrimonio publico e poñer á disposición da cidadanía. Que poida quedar na Coruña", agregou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos