Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta e as universidades amplían as validacións para alumnos de FP

A Xunta e as universidades amplían as validacións para alumnos de FP

Os estudantes poderán pedir o recoñecemento de créditos de determinadas materias nun total de 188 graos e catro dobres graos

Os estudantes deberán presentar unha solicitude de validación na universidade en que queiran matricularse Os estudantes deberán presentar unha solicitude de validación na universidade en que queiran matricularse
G24.gal 08/02/2022 16:10

Os estudantes que superasen ciclos superiores e decidan continuar a súa formación na universidade poderán solicitar o recoñecemento de determinadas materias. Será posible tras a sinatura dun convencio entre a Xunta coas tres universidades galegas para a convalidación de estudos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; e o da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron estes martes este acordo, que terá unha vixencia de catro anos (ata o curso 2024-25) e que dá continuidade ao convenio formalizado en 2017, vixente ata o de agora.

"Galicia volve estar por diante a nivel estatal”, declarou o conselleiro de Educación, en referencia a unha recente proposta do Ministerio para empezar a traballar na convalidación de estudos entre FP e as universidades.

Mediante o convenio, os estudantes que superasen ciclos superiores de grao e decidan continuar os seus estudos nalgunha das tres universidades galegas poderán solicitar que se lle recoñezan certos créditos de determinadas materias nun total de 188 graos e catro dobres graos, o que supón un un incremento de case un 22 % con respecto ás 151 titulacións e dúas dobres titulacións incluídas no convenio anterior.

Para facer efectivo o recoñecemento, os interesados deberán tramitar a correspondente solicitude de acordo co procedemento establecido en cada universidade.

No caso de títulos oficiais que non figuren nos anexos de recoñecemento directo, os interesados poderán solicitar a cada universidade o recoñecemento de créditos nos títulos universitarios oficiais, que serán obxecto de análise individual e non de recoñecemento directo.

O titular de Educación sinalou que a Xunta de Galicia leva "anos traballando para conseguir unha maior interrelación entre os graos formativos e os graos universitarios, estreitando lazos de colaboración a todos os niveis".

Para Rodríguez, o éxito educativo de Galicia maniféstase en índices como a caída histórica do abandono escolar ata o 8 % e taxas de empregabilidade en formación profesional que alcanzan o 85 % en xeral e chegan case ao 97 % no caso de FP dual.

"O obxectivo é mellorar as oportunidades das persoas que están en proceso de formación" e "construír unha pasarela ou ponte de comunicación entre os diferentes niveis educativos", declarou o conselleiro.

Pola súa banda, o reitor da universidade de Santiago, Antonio López, que falou en nome das tres universidades, asegurou que o convenio pretende "favorecer esa conexión entre os niveis superiores de ensino tanto de FP como universitario, favorecendo a continuidade".

"Quédanos outro paso por dar, que sería para os estudantes universitarios que deciden despois cursar estudos de FP", engadiu o reitor, que asegura que é necesario buscar "unha fórmula similar de recoñecemento parcial" para poder validar os estudos neste sentido.

Con todo, López asegurou que esta fórmula "ten outras complicacións adicionais", xa que a normativa que regula as titulacións de FP é de ámbito estatal, polo que "non é tan fácil de liquidar".

Neste curso escolar, preto de 1.500 alumnos que accederon ás universidades galegas fixérono obtendo o título en Formación Profesional.

Ademais, segundo o estudo de empregabilidade de FP presentado onte, aproximadamente a metade de todos os titulados en ciclos formativos o ano pasado optan por continuar os seus estudos e desa metade, preto do 25 % optan por estudos universitarios, principalmente nas ramas de Ciencias Sociais e Xurídicas e Ciencias da Saúde.

Os reitores aseguraron que existen "notables diferenzas" entre a empregabilidade xerada en FP e na universidade, xa que a maioría dos estudantes que realizan estudos universitarios continúan formándose a través de "mestrados e doutoramentos", de maneira que a inserción laboral non é tan inmediata.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade