A Xunta anuncia a creación dun comité asesor de cribados de cancro
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño reúnese cos representantes das xuntas provinciais da Asociación Española Contra o Cancro (AECC)
Grazas ao último programa de 1992 de cribado de cancro de mama en Galicia realizáronse máis de 205.000 exploracións a mulleres
A raíz do programa de 2019 de cribado de cancro colorrectal realizáronse 56.600 colonoscopias
Tras un encontro de traballo do conselleiro de Sanidade e representantes das xuntas provinciais da AECC avanzouse este luns a constitución dun comité asesor de cribados, no que estarán representados os pacientes e que permitirá compartir información e tomar decisións sobre estratexias de mellora dos programas de detección precoz de cancro.
A información completa sobre os programas de cribado de cancro en Galicia estará, ademais, ao dispor do conxunto da cidadanía a través do Observatorio de Saúde Pública, indicou Gómez Caamaño.
O conselleiro tamén informou de que, para a Consellería que dirixe e para a Xunta, "o cancro é unha cuestión absolutamente central e prioritaria, apostando por abordala coa máxima seriedade, rigor e transparencia".
Pola sa banda, Germán Rodríguez-Sáa, representante autonómico da AECC en Galicia, afirmou ao termo do encontro que "a detección precoz é un dereito fundamental dos enfermos, e para iso unha política de cribados transparente e de calidade é tremendamente importante". Ademais, indicou que a Asociación Española Contra o Cancro "ten postas todas as súas ferramentas e todos os seus programas ao dispor de todas as comunidades".
En relación co programa de cribado de cancro de mama en Galicia, posto en marcha no ano 1992 e ampliado progresivamente ata cubrir a todas as mulleres de entre 50 e 74 anos, o conselleiro explicou que xa está por encima do 98,7 %.
Así, indicou que entre 1992 e 2024 enviáronse 4,4 millóns de invitacións e alcanzouse unha participación do 84,6 %, "moi superior aos estándares establecidos como idóneos", sinalou.
Durante o ano pasado, realizáronse máis de 205.000 exploracións a mulleres con cribado de cancro de mama grazas a este programa. En 2023 detectáronse 950 cancros, dos que 121 apareceron na primeira exploración, e máis do 70 % dos tumores detectados foron diagnosticados en estadios precoces.
Ademais, sinalou que, a nivel xeral, a supervivencia das mulleres cinco anos despois do diagnóstico é do 88 % e no caso dos cancros detectados a través do programa de cribado da Xunta, a taxa de supervivencia sobe dez puntos ata chegar ao 98 %. A 25 anos, a supervivencia das mulleres que participan no cribado é de máis do 80 %.
Respecto ao cribado de cancro colorrectal, implantado en toda Galicia en 2019, o conselleiro explicou que ten unha cobertura tamén de practicamente o 100 % da poboación diana, de entre 50 e 69 anos.
Grazas ao cambio de estratexia no ano 2022 no que se pasou a enviar directamente o test ao domicilio, incrementouse a taxa de participación, chegando a máis do 56 % no pasado ano. Por medio deste programa, entre 2019 e 2023 realizáronse 56.600 colonoscopias e detectáronse 2.618 cancros de colon, dos que máis do 65 % diagnosticáronse en fases iniciais.
Sobre o cribado de cancro de cérvix, Gómez Caamaño indicou que a Xunta xa publicou o informe relativo a 2024, onde se sinala que xa se realizaron máis de 253.000 invitacións, cunha taxa de participación do 60 %. Neste caso, o 77 % dos 89 cancros detectados estaban en fase inicial.