Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta convocará máis de 1.500 prazas nas oposicións de educación de 2026

A Xunta convocará máis de 1.500 prazas nas oposicións de educación de 2026

Román Rodríguez detalla que 1.388 serán prazas para ingreso libre e as 213 restantes serán para promoción interna, para pasar de mestre a profesor de educación secundaria, por exemplo

O número de especialidades que se convocarán e as prazas en cada unha delas concretaranse nas próximas semanas para levalas á mesa sectorial coas organizacións sindicais

G24.gal 09/01/2026 13:18

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou este venres que a Xunta convocará este ano 1.601 prazas nas oposicións de educación. Fíxoo nunha visita a Zas para felicitar os tres docentes, Lorena Cerdeira (do Centro Público Integrado de Zas) e Fina Paulos e Óscar Rey (do Instituto Maximino Romero de Lema), recoñecidos cos Premios Nacionais a Experiencias Educativas STEM por proxectos impulsados desde o Goberno galego.

O titular do departamento educativo da Xunta detallou que 1.388 serán prazas para ingreso libre nos diferentes corpos e especialidades que se convoquen, o que supón o 86,7 % das prazas, "a inmensa maioría". As 213 restantes serán para promoción interna, para pasar de mestre a profesor de educación secundaria, por exemplo.

As probas levaranse a cabo no verán. O número de especialidades que se convocarán e as prazas en cada unha delas concretaranse nas próximas semanas para levalas á mesa sectorial coas organizacións sindicais.

"Con esta oferta de emprego público, a Consellería esgota, un ano máis, a taxa de reposición do 120 % establecida a nivel estatal, polo que continuamos apostando pola estabilidade docente", destacou o conselleiro.

Galicia, coa menor porcentaxe de interinos

Ademais, lembrou que Galicia é a comunidade con menor porcentaxe de interinos estruturais en educación de toda España e que grazas a estas oposicións, volverán mellorar os cocientes nas aulas, "que xa se sitúan actualmente entre as mellores de España".

"Isto será así grazas a manter a intensidade da contratación a pesar da caída do número de alumnos", remarcou. Apuntan tamén que este novo proceso de oposicións eleva a case 22.000 as prazas convocadas polo Goberno galego desde 2009 para renovar o cadro de persoal docente de Galicia e enmárcase nun contexto de baixada continuada da matrícula. En concreto, suman 21.698 prazas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar