A Xunta aproba novas axudas para hostelería e para formación
Alfonso Rueda anuncia que lle van enviar ao Goberno dezanove proxectos candidatos a un PERTE cultural
O Consello da Xunta aprobou este xoves novo paquete de axudas para a hostalería. O Diario Oficial de Galicia publica o 1 de xullo outra liña de apoios para que os hostaleiros poidan facer os cambios nos locais que esixen os tempos pospandemia, como sistemas para controlar os accesos ou renovadores de aire.
A subvención será de ata 50.000 euros e o requisito é non recibir axudas en convocatorias anteriores.
Na súa reunión semanal, o Goberno galego tamén acordou asinar novos acordos cos sectores da construción, o comercio ou a automoción para formar traballadores e desempregados en especialidades con alta demanda de man de obra.
"Permitirán mellorar a formación de máis de 5.000 persoas en postos que hoxe se están demandando. Isto está dentro do plan galego de formación en que a Xunta inviste máis de cen millóns de euros no ano 2022", explicou o xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda.
PERTE cultural
O presidente da Xunta tamén adiantou que no mes de xullo vanlle enviar ao Goberno central unha proposta con dezanove proxectos culturais que aspiran a recibir fondos europeos para a recuperación.
Alfonso Rueda explica que suman 400 millóns de euros e están consensuados con 120 entidades do país.
"Polo tanto, Goberno central, móvase e convoque un PERTE cultural ou transfira e descentralice os fondos Next Generation ás comunidades autónomas para que poidamos facelo nós. É unha proactividade ante a non actividade en materia cultural en axudas Next Generation do Goberno central".