A Xunta declara iniciativas empresariais prioritarias proxectos enerxéticos en Mugardos e A Laracha
A Xunta declara iniciativas empresariais prioritarias proxectos enerxéticos en Mugardos e A Laracha
Tamén aproba a primeira Lei de áreas empresariais de Galicia, que facilita máis solo empresarial e recorta os trámites
A aposta do Goberno galego polas enerxías limpas xa se traduciu en doce iniciativas empresariais, ás que hoxe se suman dúas máis. Unha delas é a planta de metanol verde de Mugardos, que onte anunciou Alberto Núñez Feijóo. Un proxecto en que a empresa Forestal do Atlántico vai investir 131 millóns de euros, e que creará 200 postos de traballo.
A outra iniciativa aprobada é a construción dunha planta de biometano na Laracha, que producirá este gas renovable a partir de substratos orgánicos. Suporá 100 empregos e un investimento de oito millóns.
Feijóo asegurou que son "dous proxectos que optan aos proxectos Next Generation, cumpren os requisitos da Unión Europea".
Amais, a Xunta quere achegarlles solo ás empresas interesadas en investir na comunidade. A primeira Lei de áreas empresariais de Galicia é unha normativa pioneira, que reserva solo e simplifica os trámites para a adaptación de superficies.
"Imos poñer máis solo industrial, en menor tempo e con menor prezo con esta lei. Dende a decisión de construír un polígono industrial ata a primeira entrega pasarían nove meses, coa normativa actual necesitaríamos 21 meses", explicou o titular da Xunta.
A lei tamén crea entidades de conservación formadas polos propietarios das áreas empresariais.