Galicia mobilizará máis de 400 millóns ata 2028 para industrializar a innovación empresarial
A estratexia prevé 66,5 millóns para impulsar proxectos que transformen a tecnoloxía galega en produtos industriais e emprego cualificado
Industrializar a innovación. A Xunta quere converter a ciencia en resultados económicos e emprego cualificado.
Coa vista posta en 2028, o Goberno galego quere aumentar nun 25 por cento as empresas que innovan na comunidade e acadar máis de 4.200 profesionais dedicados ao I+D no sector privado.
Para lograr que o gasto empresarial supere os 1.500 millóns, mobilizaranse recursos públicos distribuídos en catro grandes bloques.
A contía máis importante, 232 millóns, irán directamente ao desenvolvemento de tecnoloxía e maquinaria avanzada. Outros 113 millóns garantirán o financiamento de proxectos estratéxicos.
Mentres que 48 millóns axudarán as empresas a contratar persoal especializado para innovar de forma estable. E haberá unha partida de máis de 9 millóns de euros para reforzar a transferencia de coñecemento e o traballo conxunto entre o tecido produtivo e os centros tecnolóxicos.
Pagos da PAC por valor de 46 millóns de euros a gandeiros galegos
Ademais, o Consello da Xunta acordou o pago da primeira parte dos fondos de 2026 da Política Agraria Común (PAC), por valor de 46 millóns de euros, a gandeiros galegos; axudas para que alumnos de FP dual poidan realizar prácticas no estranxeiro, bolsas de formación para desempregados e unha nova estratexia de protección das persoas consumidoras centrada no ámbito dixital.
Outras das medidas aprobadas esta mañá foron o inicio do procedemento para a declaración como ben de interese cultural (BIC) do convento do Bon Xesús de Trandeiras, en Xinzo de Limia; a firma de convenios con municipios para construír senllas peonís e reformar áreas fluviais ou a licitación das obras de construción de cincuenta e oito vivenda públicas no barrio coruñés dos Rosais.