A Xunta acusa o Concello da Coruña de mentir durante dous anos sobre ser sede do Mundial
"Durante dous anos díxosenos que había varios fondos de investimento dispostos a poñer a parte que lles correspondía para levar a cabo esas obras", custiona Diego Calvo, quen denuncia que "agora de súpeto non están eses fondos"
O conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo, reclamou ao Concello da Coruña que explique "por que se estivo mentindo durante dous anos" sobre ser sede do Mundial 2030.
Nun acto na Coruña, Calvo respondeu aos medios sobre a renuncia do Concello para ser sede do Mundial, o que se materializou este luns, cando se anunciou tamén unha reforma de Riazor pactada co Deportivo e co apoio da Deputación.
O conselleiro sostivo que é "unha moi mala noticia" porque Galicia pasou de ter unha sede confirmada a ningunha, á espera de que Vigo poida lograr ser seleccionada pola FIFA.
"Durante dous anos díxosenos que tiñan toda a candidatura pechada e que había non un fondo, senón varios de investimento dispostos a poñer a parte que lles correspondía para levar a cabo esas obras", apuntou, nun período no que "a única administración que se comprometeu é a Xunta de Galicia". Agora, en cambio, prodúcese "unha mala noticia para a cidade" e espera "que se dean explicacións" porque "agora de súpeto non están eses fondos".
"Por que se estivo mentindo durante dous anos?", cuestionou Calvo, que agora di que non existe o compromiso para a reforma de Riazor, pois este só estaba enmarcado na consecución de ser sede mundialista.
Apuntou que o orzamento para adaptar Riazor ás esixencias da FIFA era de cen millóns de euros, dos que contaba con que un 40 % chegase dun fondo de investimento e o outro 60 % das administracións.
Nesta última porcentaxe, estaba que se financiase "a partes iguais entre o Concello, a Deputación, a Xunta de Galicia e o Goberno".
Sobre a renuncia da Coruña engadiu que "a FIFA non cambiou absolutamente ningunha condición" ás establecidas inicialmente.