Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xuíza cita de novo o exxefe de gabinete de Mazón polas mensaxes de WhatsApp achegadas por Salomé Pradas

A xuíza cita de novo o exxefe de gabinete de Mazón polas mensaxes de WhatsApp achegadas por Salomé Pradas

A declaración obriga a adiar outra testifical prevista para o venres

A maxistrada abre unha nova peza polo falecemento dunha vítima en Benetússer

As mensaxes apuntan a discrepancias sobre o confinamento durante a dina

G24.gal 09/12/2025 16:48

A xuíza de Catarroja que investiga a xestión da dina citou de novo para este venres a José Manuel Cuenca, exxefe de gabinete do expresident da Generalitat Carlos Mazón, tras analizar as mensaxes de WhatsApp achegadas pola exconselleira Salomé Pradas.

A maxistrada decidiu volver escoitar a Cuenca como testemuña. As mensaxes enviadas pola investigada o 29 de outubro de 2024 recollen que o exxefe de gabinete pediu ás 19:54 horas “de confinar nada, por favor” e ás 20:25 insistiu en que Pradas debía “quitar iso da cabeza”.

A citación obriga a suspender a comparecencia dunha traballadora de Ilunion prevista para o mesmo día. O Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana indicou que o xulgado fixará unha nova data para esa declaración.

Na mesma resolución, a xuíza abriu unha peza polo falecemento dunha das posibles vítimas mortais da dina e pediu ao Instituto de Medicina Legal un informe sobre a relación entre a morte desa persoa en Benetússer o 29 de outubro e as circunstancias sufridas ese día.

Con este caso, o número de falecementos en estudo ascende a dez, mentres que a cifra de mortes confirmadas polas inundacións  continúa en 230.

Mensaxes sobre o confinamento

Unha das acusacións particulares solicitara a nova declaración de Cuenca tras coñecer as mensaxes intercambiadas con Pradas o día da dina. Esa tarde, o exsecretario autonómico de Comunicación pediu á conselleira “de confinar nada”.

As mensaxes tamén mostran que Pradas informou a Cuenca da evolución da situación, da próxima constitución do Cecopi e dunha morte en Utiel ás 16:28 horas. Ás 19:15, Cuenca respondeu: “Igual ás 19 horas imos ao 112”, en referencia ao president Mazón.

Ás 19:54, Cuenca escribiu: “Salo, de confinar nada, por favor. Calma”. Ela replicou que “a cousa está moi moi mal”. O exxefe de gabinete respondeu que “confinar unha provincia é unha barbaridade, unha cousa é zonificar…”.

Pradas indicou que “pouco queda fóra” e, ás 19:57, comunicou que pedirían “o confinamento das áreas afectadas e o afastamento (subir plantas) nuns cantos municipios”. Ás 20:08, Cuenca respondeu que “para confinar fai falta un estado de alarma”.

Comunicacións con Mazón

Pradas enviou mensaxes a Mazón ás 13:03 horas do día da dina e explicou que o que máis preocupaba era a zona da Ribeira Alta, o barranco do Poyo e o río Magro. Indicou que se activara a alerta hidrolóxica nalgúns municipios e que houbera rescates con helicóptero. Mazón respondeu ás 13:34: “Caralludo”.

O expresident engadiu despois un “bieeeennnnn” ao anuncio dun preacordo cos Bombeiros Forestais.

Ás 13:43, Pradas comunicou que se desprazaba a Carlet para que “nos vexan cos bombeiros forestais”. Ás 14:11 indicou “que a cousa se complica en Utiel”. Esas dúas mensaxes non tiveron resposta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade