Publicador de contidos

Publicador de contidos

A verdadeira fenda en España non é social, é xeracional, por Santiago Calvo

OPINIÓN

A verdadeira fenda en España non é social, é xeracional, por Santiago Calvo

Santiago Calvo 22/09/2025 08:06

En España fálase moito da desigualdade entre ricos e pobres, pero os datos amosan que a verdadeira fenda é xeracional. Segundo un estudo publicado polo Instituto Juan de Mariana, a comezos de século, os menores de 35 anos tiñan o 7,5 % da riqueza nacional. Vinte anos despois, apenas chegan ao 2 %. Mentres tanto, os maiores de 75 pasaron do 8 ao 20 %.

A diferenza nótase tamén nos ingresos. Entre 2008 e 2024, os traballadores de 18 a 29 anos perderon un 3 % do seu salario real, mentres que os maiores de 65 gañaron un 18 %. Hoxe, un novo xubilado cobra de media uns 1.760 euros ao mes, máis do que ingresa un menor de 35 anos, que ronda os 1.670. En termos de poder de compra, só os maiores de 65 aumentaron o consumo nos últimos anos; os menores de 30 recortárono nun 36 %.

E se falamos de vivenda, a situación é aínda máis clara: o 81 % dos boomers eran propietarios aos 42 anos, pero entre os nacidos despois de 1985 esa cifra cae por baixo do 50 %. Só un 20 % dos menores de 35 ten hoxe hipoteca. Non é casualidade que a idade media de emancipación supere xa os 30 anos, fronte aos 26 da media europea.

Todo isto responde a decisións políticas que blindaron as pensións e cargaron o peso fiscal sobre os traballadores novos. De feito, un xubilado recibe de media un 62 % máis do que achegou ao sistema. Iso tradúcese nun déficit crecente e nunha débeda implícita das pensións equivalente a cinco veces o tamaño da nosa economía.

O resultado é unha xeración que sente que paga moito e recibe pouco: salarios estancados, vivenda inaccesible e impostos crecentes. A verdadeira desigualdade non está entre barrios ricos e pobres, senón entre os que xa teñen o futuro asegurado e os que o ven cada vez máis lonxe.

As claves económicas da semana

Esta semana imos coñecer datos moi relevantes para tomar o pulso á economía española. O martes publicaranse as cifras trimestrais da balanza de pagamentos e da posición de investimento internacional, claves para entender como están a impactar a guerra comercial e as tensións xeopolíticas dos últimos meses.

O martes tamén coñeceremos se o BBVA finalmente aumenta a oferta para adquirir o Sabadell.

O mércores chegarán os indicadores económico-financeiros das empresas, e o xoves os datos de créditos e depósitos dos fogares, fundamentais para ver se as familias aforran máis ou, pola contra, seguen tirando de débeda. Ademais, tamén teremos novidades sobre emancipación xuvenil. E lembramos: en España, os mozos son dos que máis tardan en saír da casa familiar, principalmente polas dificultades de acceso á vivenda.

Estes días tamén se farán públicos os datos do gasto e das chegadas do turismo deste verán.

En Galicia, a atención está posta en Santiago, onde este xoves os traballadores de Ryanair protagonizarán mobilizacións no pleno municipal contra o ERE presentado pola compañía tras anunciar o peche da súa base no aeroporto compostelán.

Tamén haberá reunión entre Xunta e Goberno central para tratar novas transferencias de competencias: permisos de traballo e a xestión dos aeródromos estarán enriba da mesa da xuntanza.

Pecharemos a semana co dato do PIB do segundo trimestre do ano 2025. O mercado estima un crecemento do 0,7 %.

Unha semana cargada de claves para entender por onde respira a economía e como afectan estas decisións globais e locais ao peto da xente.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade