Publicador de contidos

Publicador de contidos

A veciñanza de Grixoa pide que se cumpra a sentenza que prohibe o paso de camións

A veciñanza de Grixoa pide que se cumpra a sentenza que prohibe o paso de camións

Vehículos de gran tonelaxe seguen circulando pola zona malia a decisión xudicial

Veciñanza de Grixoa no camiño polo que pasan os camións
G24.gal 23/01/2022 21:07

A asociación veciñal de Grixoa, no concello de Santiago, denuncia o paso diario de camións de gran tonelaxe en dirección ao vertedoiro de Miramontes, a pesar de que unha sentenza xudicial impide o seu paso.

A organización amosa a súa indignación porque non se faga cumprir a decisión do tribunal, emitido hai un ano e dous meses.

"Estamos asombrados, escandalizados e indignados, porque unha decisión dun tribunal non serve para nada. Mentres tanto, estanse prexudicando as persoas que viven na contorna polos riscos que pode haber na vía e tamén alimentando ese monstro que temos aí atrás, que é un vertedoiro case incontrolado ou mal controlado", explica Santiago López, portavoz veciñal.

A federación de asociacións do rural puxo en coñecemento da Subdelegación do Goberno o incumprimento da sentenza. 

"Coa subdelegada do Goberno estivemos o mércores pasado, e estamos á espera de se hai algún síntoma de maior intensificación dos controis. É moi triste e moi lamentable a situación, estase burlando a xustiza", asegura Cruz Vázquez, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago.

"Sentimos indignación e impotencia porque ves que pasan igual e os choferes fannos xestos aos veciños, xestos desagradables. Son 38, 40 camións cada día. Este é o único camiño que teñen para subir e baixar, e eu tamén. Crúzome con eles todos os días. Isto é un sen vivir", comenta unha veciña.

A veciñanza de Grixoa denuncia que os residuos do vertedoiro de Miramontes están contaminando as súas terras e os seus acuíferos. O vertedoiro está a menos de 400 metros das vivendas e preto de varias fontes veciñais. 

"Parécenos inxusto o que está a suceder aquí, a esta veciñanza que levamos anos sufrindo as molestias. Iso é un tema á parte, é un calvario. Pedimos que tomen cartas no asunto e deixen de mirar cara a outro lado", explica un veciño.

A veciñanza de Grixoa non descarta emprender mobilizacións se a sentenza non se fai cumprir proximamente.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade