Publicador de contidos

Publicador de contidos

A variante ómicron expándese: Israel e Marrocos pechan as súas fronteiras

A variante ómicron expándese: Israel e Marrocos pechan as súas fronteiras

O Goberno de Boris Johnson convocou para hoxe unha reunión urxente de ministros de Sanidade do G7

Os Estados Unidos impoñen desde hoxe novas restricións aos que estivesen nos últimos 14 días en oito países africanos

G24.gal 29/11/2021 07:57

En apenas unha semana desde que se descubriu esta nova variante en Suráfrica, xa se detectou en polo menos sete países europeos, tamén nos Estados Unidos, no Canadá, en Israel, en Australia e en Hong Kong. 

Israel, onde hai dous casos, foi o primeiro país en pechar as súas fronteiras a todos os estranxeiros durante dúas semanas. Esta medida tamén a adopta a partir de hoxe Marrocos. 

Alemaña confirmou tres casos da ómicron, os mesmos que o Reino Unido e Dinamarca. O goberno británico confirmou que intentará frear a propagación da nova variante recuperando as máscaras nalgúns espazos pechados e tamén con test PCR aos viaxeiros e coa dose de reforzo da vacina.

O Goberno de Boris Johnson convocou para hoxe unha reunión urxente de ministros de Sanidade do G7. 

Nos Países Baixos, dos 624 pasaxeiros que chegaron ao aeroporto de Ámsterdam desde Johannesburgo e Cidade do Cabo, 61 deron positivo e, deles, 13 coa variante ómicron, pero non se descartan máis. 

Os Estados Unidos, aínda que de momento non teñen casos confirmados, impoñen desde hoxe novas restricións aos que estivesen nos últimos catorce días nalgún de oito países africanos. 

O presidente Biden, que nas últimas horas se reunía co seu asesor médico Anthony Fauci, explicará hoxe as medidas para facer fronte á variante. 

O presidente de Suráfrica pediu a todos os países que impuxeron restricións de viaxe ao sur de África que se anulen porque non teñen xustificación científica. 

Cre que esta situación debe servir para que o mundo se decate da desigualdade no acceso ás vacinas. 

Tamén a Organización Mundial da Saúde critica as restricións nas viaxes e pediu apoio para Suráfrica e Botswana. A OMS advirte que desde o inicio da pandemia xa se detectaron trinta variantes do virus e que non hai indicios de que a ómicron cause casos máis graves.  

A médica surafricana que identificou esta nova variedade, que presenta múltiples mutacións, cre que se está entrando en pánico sen motivo porque nos casos que viu ata o momento, di, os síntomas son moi leves. 


Con todo, máxima preocupación na Comisión Europea pola expansión da variante. Di Ursula von der Layen que hai que gañar tempo axilizando a vacinación e reducindo os contactos. 

Lembra que as farmacéuticas Biotentech e Pfizer se comprometeron a adaptar a vacina á nova mutación se finalmente as actuais non son efectivas con ómicron. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade