A variante ómicron complica a actividade nos aeroportos de todo o mundo
A situación actual coa covid está a causar milleiros de cancelacións de voos
Alemaña endurece a España os requisitos de entrada ao seu territorio
A situación en toda Europa coa covid complica a actividade dos aeroportos. En todo o mundo canceláronse xa millerios de voos e algúns países están a endurecer novamente os requisitos de entrada aos seus territorios.
A variante ómicron está a causar milleiros de cancelacións de voos en todo o mundo. Traballadores de grandes aeroliñas estanse a ver afectados pola enfermidade, iso, unido ao endurecemento das restricións para entrar en determinados países, fai que algunhas persoas cancelen as súas viaxes.
Aínda así no aeroporto Rosalía de Castro, de Santiago, había moito movemento de vaixeiros este domingo a maioría eran voos nacionais, pero tamén a Xenebra e Zurich.
Un dos viaxeiros cos que falamos chámase Juan Carlos, é fillo de galegos, pero vive e traballa en Hannover. Regresa este domingo a Alemaña vía Zurich. Aseguraba cumprir todos os requisitos para viaxar.
"Estou xa vacinado con tres doses, rexistreime tamén online para entrar en Alemaña, pero non teño que facer corentena porque estou vacinado con pauta completa, se só tivera PCR negativa si que tería que facer corentena"
España está considerada por Alemaña desde onte zona de alto risco por covid, polo que endureceu os requisitos de entrada. Necesítase un test negativo, ou certificado de vacinación completa ou unha proba de recuperación da enfermidade.
As persoas que entren só cun test negativo deberán realizar corentena de dez días, reducibles mediante un novo test aos cinco días. Os menores de 12 anos deberán realizar tamén corentena de 5 días.
A maioría dos viaxeiros cos que falamos aseguraban non estar preocupados porque dicían cumprir con todos os requisitos á hora de subir a un avión.