A vacina contra o virus do papiloma humano amplíase nos varóns ata os 21 anos
A campaña de vacinación comezará o vindeiro luns
O obxectivo é inmunizar uns 24.500 varóns e aumentar así a protección fronte o virus do papiloma humano, que pode causar certo tipo de cancros
A Xunta reforza desde o luns a estratexia de inmunización fronte o virus do papiloma humano para os varóns nacidos no ano 2004 e no 2005. Eleva así ata os 21 anos unha vacina que xa desde 2024 estábase administrando aos mozos varóns de ata 18 anos.
No 2022 comezara a administrarse en nenos ao cumprir os doce anos.
"Canto antes se vacinen mellor, é unha vacina que é máis efectiva antes de ter relacións sexuais por iso no calendario de vacinación se pon nos doce anos. Recomendamos a rapaces e rapazas que non están vacinados que a poñan canto antes. A persoa pode pedir cita no seu centro de saúde, na páxina web ou na aplicación do móbil, isto non quita que os profesionais sanitarios cando atopen unha persoa susceptible da vacina se lle ofreza", di Marta Piñeiro, directora do Centro Galego para o control e prevención de enfermidades.
No caso das nenas, a Xunta xa ofrece esta vacina de protección contra o virus do papiloma humano desde o 2008. A Sanidade pública galega consciente da efectividade da vacina, amplía agora o rango de idade nos varóns ata os 21 anos. O obxectivo é inmunizar uns 24.500 mozos.
"O VPH é un virus de transmisión sexual, é o máis frecuente. A maioría das persoas imos ter contacto con el algunha vez na vida. Nun 10 ou 15 por cento das persoas pode a longo prazo causar un cancro: nas mulleres cancro de cérvix ou de vaxina pero nos homes tamén pode causar cancro de pene, cancro de ano", engade.
Actualmente, a porcentaxe de adherencia a esta vacina en nenas está preto do 100 %, nas nacidas desde 2006 a 2010. No caso dos nenos nacidos en 2010 chega a unha cobertura próxima ao 93 %.
