Publicador de contidos

Publicador de contidos

A USC acolle este curso 2.000 estudantes internacionais

A USC acolle este curso 2.000 estudantes internacionais

Os principais países de orixe son Italia, México e Colombia

O 90 % do estudantado estranxeiro di que repetiría a experiencia 

G24.gal 24/09/2025 14:37 Última actualización 24/09/2025 15:06

"Chámome Hanna, son de Reino Unido e escollín estudar en Santiago porque é unha cidade histórica, bonita e moi interesante".

"Eu son Alí e veño do Líbano. Estou facendo un Erasmus en Santiago porque é unha cidade tranquila con ambiente de estudo".

E así ata 2.000 estudantes coma eles escollen a USC para completar a súa formación universitaria. Eles estudan Filoloxía, co que o tema dos idiomas, lonxe de ser unha dificultade, é o principal aliciente.

"Eu estudo francés, español, portugués e galego, son estudante de linguas modernas".

"Xa sei dicir grazas e graciñas...Vou collendo cada día máis palabras, gústame o galego e veño aquí estudar filoloxía española".

Chegaron en setembro e tiveron as súas dificultades para atopar aloxamento.

"Eu escribín a varios anuncios do portal Idealista pero non recibín resposta, atopei piso con outras rapazas nun taboleiro dixital que ten a universidade".

"Ao buscar só para cinco meses e non para todo o curso custou un pouco máis, pero conseguino".

Xa instalados en pisos compartidos, o reto agora é adaptarse a un tipo de ensinanza, un clima e unha comida diferentes.

"Eu xa probei o polbo, collín un anaco do prato da miña compañeira, e encántame o queixo".

"A min encántame o clima chuvioso e sobre todo destaco a amabilidade da xente, todos se portaron moi ben comigo".

Axudados polas oficinas de Proxección Internacional e Mobilidade da USC, Hanna e Alí están a ter un bo arranque de curso. E semella que non son os únicos, porque case a metade dos estudantes estranxeiros que chegan aquí fano por recomendación dos que xa viviron antes unha experiencia que, aseguran, deixa pegada para o resto da vida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade