Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Unión Europea volve pospoñer a decisión sobre a fin do motor de combustión

A Unión Europea volve pospoñer a decisión sobre a fin do motor de combustión

Alemaña quere que Bruxelas se comprometa dunha maneira máis explícita sobre a viabilidade dos motores con combustibles sintéticos máis aló de 2035, xa que ao ser de cero emisións cumprirían co obxectivo medioambiental

G24.gal 03/03/2023 12:09 Última actualización 03/03/2023 12:39

Os países da Unión Europea volven aprazar a votación do acordo para que a partir de 2035 só poidan comercializarse na UE vehículos que non emitan CO2. Na véspera Alemaña esixiu máis garantías para os motores de combustión que usen combustibles sintéticos limpos.

Os embaixadores dos Vinte e sete decidiron este venres pospoñer a decisión sobre o obxectivo de emisións dos automóbiles para 2035, que os ministros comunitarios tiñan previsto tomar o 7 de marzo. O tema vaise tratar "nunha reunión posterior do Consello”, e agregaron que volverán analizar esta cuestión “ao seu debido tempo”, sinalou un portavoz da presidencia de quenda sueca.

Reticencias de Alemaña

No mes de xuño pasado a data de 2035 xerou unha pequena crise no Goberno de coalición alemán, onde as posturas de ecoloxistas e liberais son distintas, xusto cando os ministros dos Vinte e sete debían fixar a súa posición antes de entrar a negociar co Parlamento Europeo.

Finalmente, Alemaña acabou por aceptar esa data, pero cunha condición: logrou o compromiso, co apoio de Italia, de que a Comisión Europea (CE) prepararía en 2026 unha proposta para que a partir dese ano 2035 aínda se poidan matricular vehículos con motor de combustión, sempre que utilicen combustibles sintéticos de cero emisións contaminantes.

Eses combustibles son os producidos con auga e CO2, de xeito que non emiten dióxido de carbono adicional e non teñen pegada de carbono.

A Comisión asegura que non entra no tipo de motor que deben ter os vehículos, pero o desenvolvemento actual da tecnoloxía convida a pensar que o parque móbil estará dominado por vehículos eléctricos ou de hidróxeno, desprazando ao motor de combustión.

Os combustibles sintéticos de cero emisións "ata agora non parecen moi realistas porque parecen prohibitivos en termos de custos", dixo entón o vicepresidente da Comisión Europeo para o Pacto Verde, Frans Timmermans.

O acordo parecía asegurado

Con esa cláusula, o pacto entre as vinte e sete capitais saíu adiante e o Consello da UE alcanzou un acordo co Parlamento Europeo que foi aprobado polo pleno da Eurocámara o 14 de febreiro.

Italia, amais de Alemaña, expresou a súa posición en contra do texto cuestionando que se lle dea prioridade á electricidade para impulsar os coches e non se consideran outras alternativas que poderían, din, lograr o mesmo obxectivo como os biocombustibles.

O texto, con todo, podería en principio saír adiante co voto en contra de Italia se Alemaña votase a favor.

Alemaña quere que Bruxelas se comprometa dunha maneira máis explícita sobre a viabilidade dos motores con combustibles sintéticos máis alá de 2035

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade