A UCO rexistra a Deputación de Badaxoz no marco da investigación sobre o irmán de Pedro Sánchez
O rexistro enmárcase no procedemento que se segue contra David Sánchez Pérez-Castejón por delitos contra a Facenda pública, tráfico de influencias, prevaricación e malversación
Tras preto de cinco horas no interior da sede da Deputación, os axentes abandonaron o edificio portando unha maleta e polo menos dúas mochilas.
 Imaxe de arquivo da Deputación de Badaxoz. Arquivo Europa Press
                        Imaxe de arquivo da Deputación de Badaxoz. Arquivo Europa Press
            Axentes da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil entraron as 9 deste mércores na Deputación de Badaxoz para realizar un rexistro no marco do proceso que se segue contra o irmán de Pedro Sánchez.
Fontes da Deputación de Badaxoz confirmaron a Europa Press este rexistro, ordenado pola titular do Xulgado de Instrución número 3 de Badaxoz, no procedemento que se segue contra David Sánchez Pérez-Castejón por delitos contra a Facenda pública, tráfico de influencias, prevaricación e malversación.
O deputado de Cultura da Deputación de Badaxoz Ricardo Cabezas mostrou o seu "respecto á xustiza" no marco do proceso xudicial aberto e confiou en que "se resolva canto antes esta situación", tras o que reiterou que non ten máis información que a que apareceu en medios.
Cabe lembrar que o sindicato Manos Limpias presentou esta denuncia contra David Sánchez Pérez-Castejón por delitos contra a Facenda pública, tráfico de influencias, prevaricación e malversación.
Nestas pescudas non está presente David Azagra –nomee artístico de David Sánchez Pérez-Castejón-, aínda que este si se atopa nas dependencias da institución provincial, apuntaron a EFE fontes da investigación e da Deputación.
Este xulgado de Badaxoz investiga a David Sánchez e o presidente desta institución provincial Miguel Ángel Gallardo por presuntos delitos de malversación, prevaricación e tráfico de influencias.
A dita apertura de dilixencias tamén é polos presuntos delitos contra a Administración Pública e a Facenda Pública. Segundo fontes xurídicas, a xuíza podería levantar o segredo de sumario ao longo da mañá.
A investigación foi iniciada por mor dunha denuncia presentada polo autodenominado sindicato Manos Limpias contra David Sánchez, Miguel Ángel Gallardo e o xefe do Servizo de Apoio Xurídico e Inspección da área de Recursos Humanos da Deputación, Alejandro Cardenal.
Manos Limpias presentou a dita denuncia ao poñer en dúbida tanto o proceso de contratación de David Sánchez, quen tamén é director da Banda Sinfónica Orquestra de Cámara da Deputación, como o desenvolvemento da súa xornada laboral diaria e mais a forma de tributación do seu salario.
Á súa vez, a Deputación Provincial, a petición do PP, creou unha Comisión Interna de Estudo para analizar tanto a contratación como as funcións de David Sánchez.
Esta comisión, con maioría do PSOE, determinou que a contratación se realizou con “transparencia, publicidade e respecto á normativa” e que David Sánchez tributa "a través do Imposto da Renda de non Residentes", pois ten a súa residencia en Portugal.
Con todo, o PP pacense, que votou en contra do informe, sostén que a documentación achegada na devandita comisión non permite constatar que “cumprise o seu horario diario”, pois “os altos cargos e a alta dirección non están obrigados a fichar, pero si que están suxeitos ao exame do cumprimento de obxectivos”.
Neste sentido, o PP considera que David Sánchez foi contratado sen que se lle marcasen obxectivos dentro das súas funcións nin que estes estivesen suxeitos a control por parte da institución provincial.
 
         
                
                
				   
             
    
         
                 
    
         
    
         
    
         
            
         
            
         
            
        