O PPdeG celebra este ano o congreso ordinario no que Rueda opta á reelección
Será o congreso número 19, o primeiro ordinario con Alfonso Rueda como líder do partido en Galicia
Celebrarase os días 21 e 22 de próximo mes de novembro
O PPdeG celebrará os días 21 e 22 do próximo mes de novembro o seu congreso número 19, o primeiro ordinario con Alfonso Rueda como líder do partido en Galicia no cal vai concorrer á reelección.
No vídeo de presentación deste conclave que colgou nas súas redes sociais, explica en 42 segundos que hai catro anos e medio tivo a "honra" de ser elixido e que neste tempo lográronse moi bos resultados, nas autonómicas ou nas xerais, neste último caso cos "mellores" datos de toda España.
Pero o camiño "non se fai mirando cara atrás" e de aí, indica, a importancia desta cita antes dun ciclo electoral que inclúe municipais, xerais e comicios galegos.
"Novos obxectivos, novos retos" reivindica Rueda, que se marca o desafío de "volver superalos" e admite que "o mellor" aínda está por chegar.
O anterior congreso foi o 22 de maio do 2022 e entón Rueda foi proclamado co 97,2% dos votos.