A UCO acode ao Tribunal de Contas en busca de información de doazóns ao PSOE
A operación enmárcase na investigación secreta que abriu o xuíz Ismael Moreno o ano pasado e que forma parte do coñecido como caso Koldo, que está composto por varias pezas separadas
Tribunal de Contas
Axentes da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil acudiron este xoves á sede do Tribunal de Contas en busca de máis documentación sobre as doazóns efectuadas ao PSOE, tras cotexar a información que xa achegou este órgano ao respecto e detectar discordancias.
Segundo informan a EFE fontes próximas á investigación, os axentes están a requirir información ao órgano contable, en presenza dunha letrada da administración de xustiza e no marco da investigación secreta que dirixe a Audiencia Nacional sobre o sistema de reembolso en efectivo do PSOE de pagos adiantados polos seus cargos.
Unha investigación que abriu o xuíz Ismael Moreno o ano pasado e que forma parte do coñecido como caso Koldo, que está composto por varias pezas separadas.
Esta é unha delas e leva secreta desde a súa apertura. Nela, o maxistrado solicitou ao PSOE "a relación de pagos en metálico efectuados" entre 2017 e 2024 e os documentos que os soportan, unha documentación que os socialistas entregaron en decembro do ano pasado.
Esta información leva meses en poder da UCO, que analiza tamén a documentación que lle entregou o Tribunal de Contas.
Segundo as fontes, os axentes cotexaron toda a documentación da que dispoñen e comprobaron que algúns conceptos non coincidían, de xeito que están a requirir máis información ao Tribunal de Contas, en concreto sobre as doazóns efectuadas ao PSOE.