A traxedia de Soutomaior pon no foco os riscos de tirarse de cabeza
Recomendan non tirarse de cabeza ou, polo menos, comprobar que o fondo ten máis de tres metros
Advirten do risco de lesión medular ao tirarse de pontes e miradoiros, tanto ao río coma ao mar
Tres, dous, un, á auga...! Tres segundos que poden resultar fatais.
"Tirarse de cabeza á auga é un risco extraordinario. É un instante. Unha lesión medular por saltar á auga ten unha fractura moi típica e as consecuencias son unha tetraplexía", advirte Antonio Rodríguez, xefe da unidade de lesionados medulares do CHUAC.
Ou a morte, como no caso de Soutomaior. É a primeira vítima mortal do ano, pero haberá máis. Sempre co mesmo perfil.
"Son rapaces novos. En 45 anos de profesión nunca atendín unha lesión medular por tirarse á auga nunha muller", sinala Rodríguez.
"A xente tírase dende os miradoiros e dende os embarcadoiros. Aquí, no miradoiro da praia de San Amaro, estamos todos os días advertindo que non se tiren e nin caso. Son adolescentes que vai comer o mundo e non ve perigo en ningún lado", remarca Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de Salvamento Marítimo de Galicia.
E o mundo cómeos a eles.
"Todos os anos temos un par de casos con resultados terribles para o rapaz, para a familia e para o entorno, con seis ou sete meses de ingreso e unhas consecuencias gravísimas", insiste o xefe da Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC.
Os que traballan nisto, frústranse porque son traxedias evitables.
"Non tirarse de cabeza á auga é a primeira recomendación. A segunda cousa é que se te vas tirar, comprobar que hai profundidade suficiente: tres metros" engade Antonio Rodríguez.
Advirten de perigos que nin cheiramos.
"Temos visto lesións medulares por golpes de ondas. O típico que entras na auga, saltas a primeira onda, a segunda e á terceira tíraste", explica o médico do CHUAC.
"Temos que pensar que as praias de Galicia teñen moitas correntes. E a min danme pánico os ríos porque non se ve a profundidade, non se ve o fondo e teñen correntes diferentes", avisa a presidenta dos socorristas.
E ollo aos sitios coñecidos, porque o exceso de confianza pode resultar fatal.