A transformación de Galicia tras 40 anos na Unión Europea
Durante estas catro décadas tivo lugar un cambio económico e social do pobo galego
O ingreso na daquela denominada Comunidade Económica Europea trouxo unha transformación económica, con máis de 30.000 millóns de euros en fondos, pero tamén social do pobo galego. "Que conseguiu Galicia? Pois sen ningunha dúbida, os fondos estruturais. As infraestruturas de Galicia non se entenderían sen os fondos europeos", asegura Santiago Lago, presidente do Foro Económico de Galicia.
Para Antón Álvarez, decano da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña: "Entrar a formar parte da UE significou introducir a Galicia nun Estado de benestar, foi abrirse ao mundo, e, aínda que haxa que emigrar a outro sitio, que se vaia dunha forma libre, e en infraestruturas, foi unha forma de comunicarnos co mundo".
Para os sectores enfocados na exportación, a vinculación con Europa foi fundamental. Tamén para outros sectores como a pesca ou a gandaría, en que o proceso de entrada no novo mundo foi ao mesmo tempo tan custoso como necesario. "Era inviable que explotacións gandeiras con seis vacas puidesen manterse no tempo", apunta Santiago Lago.
Socialmente, a transformación foi veloz, converteunos nunha sociedade posmoderna que deixa de lado os valores materiais para abrazar valores culturais ou mesmo a idea de gozar da vida. "En Galicia deuse unha situación moi curiosa, porque case se pasou dunha sociedade tradicional a unha sociedade posmoderna sen pasar antes por unha sociedade moderna", afirma Antón Álvarez.
Adentrada na posmodernidade, Galicia inicia unha nova década na Unión Europea.