Publicador de contidos

Publicador de contidos

Consumo e sector xogueteiro acordan non emitir anuncios para a cativada que reproduzan roles de xénero

Consumo e sector xogueteiro acordan non emitir anuncios para a cativada que reproduzan roles de xénero

É un acordo entre o Goberno e o sector publicitario e fabricantes de xoguetes para fomentar unha imaxe dos menores "plural, igualitaria e libre de estereotipos"

G24.gal 30/11/2022 18:00

Dende este 1 de decembro, a publicidade terá que ser mixta, e xa non se poderán ver en televisión anuncios de nova produción de bonecas en brazos só de nenas ou a estas xogando con cociñas de xoguete.

O obxectivo é evitar a asociación exclusiva de xoguetes que reproduzan roles, como persegue o novo código de autorregulación asinado o pasado mes abril entre Consumo, a Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFX) e Autocontrol.

Ten o foco posto nos anuncios de nova produción dirixidos a menores de 15 anos, con especial atención á franxa de cero a 7 anos pola súa maior vulnerabilidade.

Por unha imaxe "plural, igualitaria e libre de estereotipos"

O novo código substitúe o de 2005 e  consta de 64 medidas.

É un acordo entre o Goberno e o sector publicitario e fabricante de xoguetes para fomentar unha imaxe dos menores "plural, igualitaria e libre de estereotipos".

Os anuncios de nova produción terán que evitar rumbos e roles de xénero por exemplo de coidado, traballo doméstico ou beleza con elas, e de acción, actividade física ou tecnoloxía cos nenos.

Os xoguetes, por tanto, non se presentarán coa indicación expresa ou tácita de que son para un ou outro sexo nin se farán asociacións de cores (como o rosa para as nenas, e o azul para os nenos).

Os anuncios tratarán tamén de utilizar a linguaxe inclusiva e presentar modelos positivos a seguir para estimular un consumo saudable, responsable e sostible.

Pictogramas explicativos

As comunicacións comerciais deberán describir o produto de forma comprensible e clara para os menores e presentarán as aptitudes que os produtos son capaces de fomentar nos máis pequenos, claves para o seu crecemento como a creatividade, o desenvolvemento físico e intelectual, a sociabilidade ou a empatía.

Os anuncios audiovisuais deberán incorporar, ademais, unha serie de pictogramas que aclaren graficamente cuestións relativas á montaxe, prezo ou necesidades técnicas.

Os pictogramas terán que ocupar polo menos un 7 % da pantalla, terán que estar situados na parte superior esquerda da mesma sempre que sexa posible e durarán como mínimo dous segundos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade