Publicador de contidos

Publicador de contidos

A teatralización de 'Memorias dun neno galego' chega a Santiago este xoves con 19 pases

A teatralización de 'Memorias dun neno galego' chega a Santiago este xoves con 19 pases

Xa se venderon 2.500 entradas para as primeiras catorce funcións, que se celebrarán entre o 8 e o 25 de xaneiro

MÓNICA ARCAY CARRO MÓNICA ARCAY CARRO
G24.gal 07/01/2026 13:19

A teatralización de Memorias dun neno galego, coproducida polo Centro Dramático Galego (CDG) e Contraproducións, aterrará este xoves no Salón Teatro de Santiago de Compostela cun total de 19 actuacións, 14 en xaneiro e cinco en febreiro.

A adaptación, na que "hai fidelidade, pero tamén liberdade" tal e como indicou o seu director Candido Pazó, homenaxea o 65º aniversario da novela orixinal escrita por Xosé Neira Vilas e o décimo aniversario da morte do narrador e poeta pontevedrés. A data elixida, ademais, débese á dedicación das memorias aos reis meigos.

O director do CDG, Fran Núñez, revelou na presentación da obra que para os pases de xaneiro, de mércores a domingo ata o 25, xa se venderon preto de 2.500 entradas, o que supón entre un 70 e 75 % do aforo total.

A boa acollida provocou, segundo Núñez, que se fixaron outros cinco pases entre o 11 e o 15 de febreiro, cuxas entradas sairán este xoves á venda e "ten pinta de que voarán".

Núñez tamén adiantou que contan cun plan de mobilidade para que persoas de localidades próximas, como Boiro ou Muros, se poidan desprazar á capital galega e acudir ás diferentes sesións ofertadas.

A chamada "xira inicial" polo director do CDG, visitará en datas vindeiras Vimianzo, Ribeira, Nigrán, Lugo, Rianxo, Monforte, Carballo, Vilalba e O Barco de Valdeorras.

A iniciativa conta, á súa vez, co apoio do Museo do Pobo Galego. A presidenta do centro, Concha Losada, anunciou que o próximo 14 de xaneiro ás 16:30 horas o museo ofrecerá unha visita guiada con "as especiais referencias que Balbino (protagonista da novela) fai na obra".

Unha representación dos pais da época 

A presentación, moderada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), tamén contou coa presenza da actriz Mónica García e o secretario xeral dá Lingua, Valentín García Gómez.

García, quen recoñeceu non ter coincido previamente co resto de sete actores e actrices que conforman o elenco, destacou o labor realizado por Candido Pazó para construír unha obra "fácil de interpretar" e a súa valía para "dar indicacións moi atinadas".

Memorias dun neno labrego é, para Pazó, "un clásico" ao que hai que mirar desde "distintas ópticas". Aínda que a novela xa foi teatralizada anos atrás no estado mexicano de Iucatán, o director determinou que a súa adaptación é "máis coral".

Pazó explicou que a obra é "unha representación dos pais da época" e, aínda que hoxe "poida parecer dura", a figura do pai do protagonista reflicte "a interrelación dos fillos cos seus pais de toda unha xeración".

O director tamén matizou que a novela escrita por Xosé Neira Vilas non é autobiográfica, a pesar de que "haxa moito de Neira Vilas en Balbino", o neno protagonista. Ademais, "emocións propias das loitas desiguais ou da inxustiza" poden atribuírse tamén ao mundo actual.

Valentín García, quen prognostica un "éxito seguro" á representación teatral, enxalzou como Neira Vilas "escribiu unha obra de Balbino nun país cheo de Balbinos" a través dunha linguaxe accesible.

A novela é, en palabras de García, "unha das obras galegas máis traducidas", pois foi traducida a máis de 20 idiomas e xa conta con máis de 700.000 exemplares en diferentes versións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade