Publicador de contidos
Publicador de contidos

A suba dos combustibles ameaza a costeira da xarda

A suba dos combustibles ameaza a costeira da xarda

Parte da frota calcula que non poderá asumir os custos de desprazarse ao Cantábrico

 

G24.gal 09/03/2022 14:12

Hai cousa dun mes, os barcos pagaban o litro de gasóleo a 66 céntimos. Hoxe está case ao dobre. Na confraría de Cambados din que son prezos nunca vistos, que comprometen a rendibilidade das empresas. 

"Imos cara a un paro inminente", augura o patrón maior, Ruperto Costa. Di que, tal e como está o prezo do peixe e do marisco, "imposible sacar beneficio" se gastan o dobre en combustible.  

Se xa para andar pola ría precisan uns cen litros de carburante ao día, as campañas que se dan máis lonxe multiplican o consumo e os custos. Por iso aínda están valorando se sumarse ou non á costeira da xarda no Cantábrico

Os que se desprazan son barcos pequenos e, se a eses gastos de manutención suman os do gasóleo, igual as contas non saen. "Ao mellor é inviable esta campaña", afirma Costa. 

Os barcos da provincia de Pontevedra teñen a campaña aberta dende o 3 de marzo, pero aínda non saíron. Están esperando a ver como evoluciona o prezo do gasóleo, como está o tempo e onde aparece o peixe.

"Non é ir coma outros anos, á espera de que apareza o peixe" explica o armador cambadés Ramón Fernández. "Canto máis teñas que esperar, máis gastas", engade.

El ten decidido ir, pero mellor en canto o peixe se achegue a Galicia. Cre que pode gañar algo máis coa xarda que pescando aquí, pero tamén está preocupado polo mercado. "É que o corenta por cento da xarda véndese para Rusia e Ucraína", di.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade